Partido Popular de Lugo

O PP teme que “as obras de mellora da liña Covas-Monforte de Lemos non rematen antes de finais do 2030 e o Goberno de Sánchez incumpra os prazos da Comisión Europea sobre o Corredor Atlántico ferroviario”

Monforte de Lemos, 6 de abril de 2026. “Os atrasos e incumprimentos do Goberno de Sánchez en relación ás obras na liña ferroviaria da provincia son unha constante”, segundo denuncian dende o PP lucense. De forma particular, chaman a atención pola situación das obras do tramo Covas-Monforte de Lemos que forma parte do Corredor Atlántico ferroviario e que moi probablemente “non estean rematadas a finais do 2030” para dar cumprimento ao establecido pola Comisión Europea de finalizar a rede básica desta infraestrutura antes do 31 de decembro de 2030. Unha situación que prexudicaría a mobilidade de mercancías e persoas en Galicia coa conseguinte perda de oportunidades para os sectores económicas e as empresas da nosa provincia”, engaden.

Os populares advirten da acumulación de “importantes atrasos na redacción dos proxectos de mellora, en caso necesario, de desmontes, terrapléns, pontes, túneles e obras de drenaxe, así como a renovación de elementos de vía neste tramos entre Monforte de Lemos e Covas” formalizado en marzo do 2021 -cun prazo de execución de 2 anos- e modificado en novembro do 2024 -modificando o prazo de finalización ata marzo de 2025-.

Os deputados nacionais Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades diríxense ao Goberno de Sánchez de forma conxunta cos representantes do Partido Popular por Ourense no Congreso -Celso Delgado, Rosa Quintana e Ana Belén Vázquez- para pedir explicacións sobre o cumprimento por parte da adxudicataria do estudo e posterior redacción de proxecto e esixir que ADIF presente un calendario crible de licitacións, adxudicacións e fin de obras.

Francisco Conde advirte das “malas condicións de fiabilidade e seguridade nesta liña por falta de mantemento e modernización” e apunta que “son habituais os problemas dos viaxeiros que usan os escasos trens que circulan por esta liña”; xa que reiteradamente “sofren atrasos, desprendementos da catenaria, caídas de noiros e limitacións temporais de velocidade”.

Os populares, na súa labor de control parlamentario, teñen dirixido ao Executivo varias preguntas por escrito en materia ferroviaria e, concretamente, sobre este tramo de 85 km de lonxitude que forma parte do traxecto Vigo-Ourense-Monforte-Valdeorras-Ponferrada-León.

Ante unha pregunta parlamentaria presentada polos deputados lucenses e ourensáns en febreiro de 2025 sobre as causas que motivaron o modificado co contrato do ano 2024, o Goberno de Sánchez non concretou ningunha explicación limitándose a dicir que “Adif sigue trabajando en los proyectos de mejora de la infraestructura y vía Covas-Monforte, línea 800 A Coruña-León, en cumplimiento con los plazos vigentes. Las incidencias en dicho contrato se han debido a causas geotécnicas y de planificación para la afección a la circulación, donde Adif ha trabajado para poder realizar la redacción de dichos contratos de la forma más rápida posible, sin afectar de manera significativa al tráfico ferroviario”.

REHABILITACIÓN DO CABLE DE ENERXÍA DE 2.200V

Os deputados do PP tamén esixen ao Goberno de Sánchez explicacións sobre os motivos do atraso na finalización das obras de rehabilitación do cable de enerxía de 2.200V no tramo Covas (Rubiá) – Monforte de Lemos pertencente á liña de ancho convencional León – A Coruña. Nestes momentos descoñécese o estado de cumprimento do contrato formalizado en xaneiro do 2022, que tiña un prazo de execución dun ano.

Os populares xa preguntaran en febreiro do 2025 por estas actuacións dirixidas, principalmente, á substitución do actual cable destinado ao sistema de alimentación eléctrico para as instalacións de control, mando e sinalización, a substitución dos armarios transformadores instalados ao longo da liña e a retirada do cable de enerxía que queda fóra de servizo. O Goberno tan só fixo mención a que “Adif sigue trabajando en la ejecución de las obras del proyecto de rehabilitación del cable de 2.200 V Covas-Monforte; de las cuales se encuentra el contrato vigente”.

Transcorrido máis dun ano dende esta resposta oficial e catro dende a formalización do contrato, os deputados do Partido Popular piden dende o Congreso que o Goberno e ADIF concreten a data para a finalización destas actuacións.