Partido Popular de Lugo

Nicole Grueira consegue investimento da Xunta para a renovación das ventás e outras melloras no colexio de Pol

Pol, 6 de abril de 2026. A portavoz do PP de Pol, Nicole Grueira, logra que a Xunta de Galicia invista arredor de 30.000 euros en diversas actuacións no colexio do municipio, o CEIP Rosalía de Castro. A administración autonómica acometerá o cambio das ventás da aula infantil e diversos arranxos nas instalacións da cociña do centro escolar “para corrixir o que o alcalde deixou abandonar ao non atender ao mantemento do colexio que é da súa competencia”. Así mesmo, co financiamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o centro tiña xa aprobado o proxecto para a ampliación da biblioteca, valorado en preto de 7.000 euros e que será executado nos próximos meses.

Grueira avanza estas actuacións despois de manter unha reunión de traballo coa directora territorial, Sagrario Sánchez, na que lle trasladou a súa preocupación polo “abandono do goberno municipal sobre as súas competencias neste ámbito”.

A falta de mantemento que se evidencia tamén na falta de limpeza dos canlóns de recollida de augas pluviais é só un exemplo da desatención do alcalde ao centro escolar. De feito, “a comunidade educativa sofre a falta do servizo de conserxería, de competencia municipal, por outro capricho de Lino Rodríguez”. Grueira lembra que “o rexedor socialista se negou a debater en Pleno propostas do Partido Popular para cubrir a praza de conserxe”.

A popular pon en valor a implicación do Goberno galego coa mellora das instalacións educativas nos últimos anos coma o arranxo do local da ludoteca, as aulas e o comedor a adecuación do entorno infantil. Recentemente, a Xunta investía arredor de 10.000 euros para acometer o tapiado das vivendas dos mestres, de forma que non se poida acceder a elas, “ante a inacción do alcalde e o risco para a comunidade educativa”, apunta Grueira.