Partido Popular de Lugo

A presidenta da Deputación vese obrigada a rectificar e integrar aos ex traballadores de Suplusa a pesares de votar en contra hai 2 meses desta proposta do PP

Luns, 6 de abril de 2026. O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, incide en esixir ao goberno de PSOE e BNG a reintegración dos traballadores de Suplusa que se encargaban da xestión das zonas verdes no cadro de persoal da institución provincial, atendendo a unha sentenza do Tribunal Supremo que considera ilegal a adquisición dunha acción de Tragsa por parte do goberno provincial do PSOE e do BNG, así como os posteriores acordos adoptados sen respectar as competencias do Pleno.

O popular lembra que “se negaron no Pleno de xaneiro a votar a favor dunha proposta do Partido Popular para acatar a sentenza; pero, semanas despois, non lles queda máis remedio que recoñecer que se equivocaran novamente e que o seu plantexamento non era válido. Non lles queda outra solución que integrar aos traballadores que PSOE e BNG nunca deberan botar da Deputación de Lugo”.


Ameijide explica que “hai 16 traballadores que están fóra por unha decisión unilateral do goberno de PSOE e BNG”. De feito, o propio Tribunal Supremo ratificou o que defendía o Grupo do Partido Popular: que a compra da acción a Tragsa non se tiña que adoptar en Xunta de Goberno, na que só participan representantes de PSOE e BNG; senón que tiña que ser avalada polo Pleno.

O Grupo Provincial Popular xa advertira no 2019 da ilegalidade dunha decisión que supuxo o desmantelamento da empresa pública Suplusa e a expulsión de máis de vinte traballadores, dos que a día de hoxe 16 seguen en Tragsa “cunha situación de absoluta incerteza”, lamenta.

O portavoz do PP agarda agora que “a presidenta cumpra a súa palabra” porque “é unha maneira de demostrar que van cambiar cousas na Deputación de Lugo” porque “ata agora non vimos que cambiara nada e, incluso, a presidenta perdeu a oportunidade de marcar distancias coa xestión que viña facendo Tomé ao negarse a apoiar a nosa proposta para acatar a sentenza”.

Nese sentido, o popular xa convidara ao goberno provincial no último Pleno a “traer unha nova modificación da RPT para a vindeira sesión plenaria para integrar aos traballadores que foron enviados a Tragsa trala compra da acción que, finalmente, a xustiza demostrou que non se fixo seguindo as normas”. Incluso, esta resolución fixa, ademais, xurisprudencia para todas as administracións locais de España, “deixando claro o que non se debe facer na xestión pública”.

Ameijide pide “a mesma axilidade para acatar esta sentenza e reincorporar aos traballadores de Suplusa que para modificar a RPT para incorporar dous habilitados nacionais para o servizo de Cooperación cos Concellos, ou para adoptar os cambios necesarios para facer oco a outro habilitado vinculado a un dos deputados de goberno”, conclúe.

PETICIÓN FORMAL

Dende o PP rexistraremos unha petición formal para a execución e cumprimento inmediato da sentenza co obxectivo final de que o antes posible os 16 ex traballadores de Suplusa se poidan integrar na Deputación de Lugo.