Martes, 31 de marzo de 2026. O goberno provincial de PSOE e BNG sube o prezo de tódalas residencias da rede da Deputación de Lugo, motivo polo que os deputados populares votaron en contra da aprobación das ordenanzas de funcionamento, de prezo público e do regulamento. “Dicimos non á brutal subida do 60% no prezo das prazas nas residencias provinciais, equiparando á alza o prezo que xa aprobaran para a residencia de Becerreá”, indica o portavoz, Antonio Ameijide.
O Grupo Provincial Popular rexeita a proposta do goberno provincial de PSOE e BNG tamén porque “non estamos de acordo coa súa xestión nin en como fan moitas desas cousas” e porque supón “renunciar á apertura doutras residencias comprometidas”. Con esta documentación, evidénciase que “a Deputación da as costas aos maiores e di non aos Concellos onde teñen residencias comprometidas” porque “se non prevén incrementar os ingresos é porque non contan ter máis usuarios e, polo tanto, non abrir novas residencias”.
Ameijide lembra que “xa nos sobresaltamos cos prezos que aprobaron para a residencia de Becerreá, un 60% máis por cada praza que o que pagan actualmente os usuarios no resto de centros da rede provincial”. Pero, “agora vemos que o que pretenden é equiparar os prezos á alza” e así o establecen nas memoria: “o prezo de referencia da praza para usuarios non dependentes pasa de 1.080€ a 1.750€ e a de usuarios dependentes pasa de 1.390€ a 2.200€, apuntou.
O popular subliñou tamén que “co estudo económico renuncian, na práctica, a abrir residencias”. Polo tanto cre que a alcaldesa de Guitiriz e deputada do goberno ou o ex presidente deberían estar preocupados”. Tampouco se conta coa apertura da residencia da Pobra de Brollón e convida ao alcalde do BNG a que “espabile” porque “os deputados do BNG non o van a facer: van a votar o que lles mande o PSOE”. E, “nos concellos onde están pendentes de que cumpran a súa palabra, van ter que seguir esperando”, engadiu.
Ameijide recoñeceu durante a súa intervención “certas luces” en relación ás residencias que “teñen cousas boas”, pero tamén ten “moitas sombras”, sobre todo, “na obxectividade do seu impulso” en función de “onde escollen seguir avanzando ou, máis ben, onde escollen non seguir avanzando”. Tamén puxo en valor o traballo de Suplusa que impulsou boa parte deste rede de residencias “a moi bo ritmo”.