Partido Popular de Lugo

O PP lucense esixe a Sánchez “ter en conta as alegacións da Xunta á planificación eléctrica” para incrementar o investimento en Galicia e crear novas infraestruturas na provincia

Lugo, 27 de marzo de 2026. O PP lucense reclama dende o Senado que “o Goberno de Sánchez teña en conta as alegacións da Xunta á planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o horizonte 2030” é dicir “contemple o incremento do investimento en Galicia e unha distribución territorial xusta e equilibrada para dar resposta aos proxectos industriais presentes e futuros de Galicia e, en particular, que incorpore novas infraestruturas de transporte eléctrico na provincia de Lugo”.

Os senadores comparecen en rolda de prensa para dar a coñecer a iniciativa que defenderán na Cámara Alta ante o que consideran “un exemplo máis da discriminación á nosa provincia por parte do Goberno de Sánchez coa complicidade do PSOE e dos seus socios como son o BNG, os do non a todo”.

José Manuel Barreiro explicou que “fronte aos que aplauden que a nosa provincia se quede sen novas conexións eléctricas lastrando o desenvolvemento enerxético e industrial da próxima década, o Partido Popular esixe un trato xusto para Galicia e para Lugo que, actualmente, carece de subestación de transporte na zona central e oeste”.

Deste xeito, boa parte da provincia queda sen posibilidade de poder conectar á rede eléctrica calquera proxecto cun consumo relativamente elevado dunha mediana ou gran empresa. “As políticas do Goberno de Sánchez pretenden hipotecar o desenvolvemento da provincia e, polo tanto, as oportunidades para os mozos e mozas. Así incumpren tamén coa loita contra o reto demográfico”, apuntou, “cando a planificación enerxética debería promover tamén a cohesión territorial e demográfica”.

Barreiro condenou “outro castigo directo máis do Goberno de Sánchez a Galicia coa súa planificación enerxética. A pesar de ser a zona con maior volume de produción, a nosa comunidade recibiría só un 1,6% (215M€) do investimento de todo o Estado para novas actuacións -o investimento para redes de partida son actuacións derivadas ou herdadas de planificacións anteriores-”. É dicir, “Galicia produce máis, pero recibe menos investimento para novas infraestruturas eléctricas”.

O Goberno galego reclama para novas actuacións un mínimo dun 6,7%, equivalente ao investimento en redes para o período 2015-2020, despois de que o Goberno do Estado tirase á baixa na planificación actual 2020-2025 dirixindo menos do 1% a Galicia.