O Saviñao, 27 de marzo de 2026. Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades puxeron en valor “o impulso de medidas por parte do Partido Popular para favorecer ás familias e aos autónomos”. De feito, este mesmo xoves, o Congreso aprobou a iniciativa do Grupo Popular -con máis apoios que as propostas do Goberno de Sánchez- “para que o Executivo corrixa de forma inmediata o Real Decreto Lei de axudas relacionadas coa guerra de Irán e reforce as axudas ás familias, a través da redución do IRPF, e as axudas ás empresas; moi particularmente, aos transportistas que o Goberno limitou ao máximo deixándoos nunha situación de enorme desvantaxe”.
Conde subliñou que “O PP seguirá defendendo as reivindicacións do sector do transporte para que como mínimo se estableza unha bonificación equivalente ao 11% do prezo por litro dos carburantes de transporte por estrada e dos sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro”. Ademais desta medida, o PP tamén logrou a aprobar as propostas para adaptar o IRPF á inflación, suprimir o Imposto ao Valor da Produción de Enerxía Eléctrica e rebaixar ao 10% o IVE do gasóleo e a gasolina.
Así o expuxo durante unha xuntanza entre os deputados nacionais do PP lucense, a deputada autonómica Raquel Arias, o alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, e concelleiros do equipo de goberno con autónomos do municipio durante unha visita a Granitos Vázquez para coñecer de preto as demandas do sector e explicar as medidas propostas polo Partido Popular de apoio ao tecido produtivo en xeral e aos autónomos en particular.
Así, deron a coñecer algunhas das medidas do “Contrato do Partido Popular cos autónomos” para que haxa “maiores facilidades administrativas e maior nivel de protección de cara aos autónomos” porque “precisamos as súas iniciativas que xeran emprego e debemos adoptar medidas concretas que favorezan a súa competitividade”, incidiu Conde.
IVE FRANQUICIADO E OUTRAS MEDIDAS
Unha delas é a franquicia do IVE que o Goberno de Sánchez leva tempo negándose a aplicar en España -sendo a excepción da UE-, a pesar de estar recollido nunha Directiva Europea e de que o Grupo Popular o logrou aprobar en outubro no Congreso co obxectivo de beneficiar a aqueles traballadores por conta propia cunha facturación anual menor de 85.000 euros non ter que pagar nin declarar este imposto.
Outras propostas recollidas no ‘Contrato cos Autónomos’ son a tarifa cero (non pagar a cota o primeiro ano, nin o segundo se os ingresos son inferiores ao SMI), reducir burocracia (pasando de 4 a 2 declaracións anuais e 1 soa para novos emprendedores), menos cargas fiscais (exención cotización para o primeiro contratado durante un ano e o 50% para o segundo), bonificación de cotización dende o primeiro día de baixa, compatibilidade de pensión co traballo, exención cota autónomos tras permisos de maternidade e paternidade, lei de segunda oportunidade e dereito a corrixir erros sen penalizacións.