Foz, 27 de marzo de 2026. O Partido Popular de Foz defendeu no pleno celebrado onte tres rogos centrados na mellora das instalacións deportivas municipais, co obxectivo de corrixir deficiencias e garantir unhas condicións axeitadas para os usuarios.
O concelleiro popular, Iago Rivas Eiroa, explicou que estas iniciativas buscan “resolver canto antes problemas evidentes”, e engadiu que “é necesario actuar xa, porque estamos a falar de instalacións moi utilizadas pola veciñanza, especialmente pola mocidade”.
Ademais, foi crítico coa xestión do executivo de Cajoto ao sinalar que “o mantemento non está sendo unha prioridade para este goberno, e iso nótase no estado das instalacións”.
En primeiro lugar, o PP solicitou o arranxo dos marcadores de 24 segundos do pavillón Torques de Marzán, así como que o Concello solicite a subvención que convoca anualmente a Xunta de Galicia para dotar esta instalación dun novo marcador.
Ademais, os populares reclamaron máis atención para a pista do Campo da Cabana, onde existen barandillas rotas que supoñen un perigo para os usuarios, especialmente ante a proximidade dos días de vacacións. “Estamos ante un problema de seguridade evidente que debe ser solucionado de inmediato”, advertiu.
Por último, instaron ao goberno local a contratar canto antes a remodelación do céspede artificial do campo de fútbol de Malates, unha actuación que, segundo lembran, foi posible tras desbloquear o contrato do ciclo da auga. “É fundamental que esta obra se execute ao remate da tempada para que os equipos poidan comezar a seguinte campaña nun campo en condicións”, sinalou.
Desde o PP de Foz subliñan que a promoción do deporte é fundamental, especialmente para a mocidade. “Non chega con facer anuncios, hai que manter as instalacións e planificar investimentos periódicos que garantan a súa conservación”, concluíu o concelleiro popular.