Os concelleiros do PP de Barreiros defenderán no vindeiro pleno municipal un rogo relativo ao peche dos dous refuxios situados en Gondán e na antiga escola de San Xusto, unhas instalacións que foron moi utilizadas durante anos por veciños e, especialmente, por peregrinos.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que ambos refuxios permanecen pechados desde o ano 2019, “unha situación que está a xerar malestar entre os usuarios do Camiño, que botan en falta estes espazos que lles permitían descansar tras unha longa etapa procedente de Ribadeo”.
O popular sinala que estes puntos de acollida cumprían unha función básica de apoio ao peregrino, contribuíndo tamén á boa imaxe do municipio como lugar de paso e acollida. “Vemos moi necesario que o goberno local adopte medidas para a súa recuperación e posta en valor”, afirmou.
José Manuel Gómez Puente amosou a súa preocupación ante a situación actual do refuxio de Gondán, que “presenta un estado de abandono, con sinais evidentes de suciedade e falta de mantemento, o que transmite unha imaxe negativa tanto para visitantes como para os propios veciños”.
Deste xeito, dende o PP de Barreiros solicitarán no pleno que se proceda á limpeza, acondicionamento e reapertura destes refuxios, devolvéndolles a utilidade que tiveron durante anos e mellorando así a atención aos peregrinos que atravesan o municipio.