Partido Popular de Lugo

O PP advirte que “os orzamentos para o 2026 son un pacto político entre PSOE e Vilalba Aberta para manter o goberno, non para mellorar a vida dos vilalbeses”

Vilalba, 27 de marzo de 2026. “O proxecto de orzamentos presentado polo goberno municipal son os dun pacto político entre PSOE e Vilalba Aberta feito para manter un goberno, non para mellorar a vida dos vilalbeses e vilalbesas”, aseguran os concelleiros do PP de Vilalba que votaron en contra porque “medraban as partidas que interesan politicamente -os gastos protocolarios e indemnizacións ao equipo de goberno, por exemplo, elevábanse a máis de 46.000 euros-, pero quedaban estancadas as que realmente fan falta. Non hai proxecto para o Concello, hai improvisación”.

As contas foron finalmente rexeitadas porque PSOE e Vilalba Aberta non contaron tampouco co apoio do BNG evidenciando “unha crise dun goberno en minoría e enfrontado”, aseguran. “Os orzamentos -que xa levan atraso porque deberían estar aprobadas no 2025 para entrar en vigor a 1 de xaneiro- non foron aprobados pola soberbia da alcaldesa” á que lle recordan que “goberna en minoría”.

É dicir, “o atraso é responsabilidade do goberno local” e “o atraso dos pagos será tamén consecuencia da soberbia da alcaldesa” á que lle piden “non intentar culpabilizar da súa mala xestión ao Partido Popular ao que non chamou para consensuar as contas”.

Os populares expuxeron durante o Pleno que “non hai ningún tipo de evolución. Dous anos despois, Vilalba segue exactamente igual. Non é que non melloren, é que repiten os mesmos erros”. E advirten que “non é que falten recursos. Este ano hai máis cartos: máis de 700.000 euros que proceden da Xunta de Galicia. Non son froito da xestión deste goberno”. É dicir, “hai máis diñeiro, pero os resultados son os mesmos” evidenciando “falta de xestión”.

En relación aos servizos públicos inciden en que “non hai mellora, non hai cambios nin respostas: algúns externalizados, instalacións con problemas e falta de continuidade. Pero onde máis se ve aínda a falta de xestión é en urbanismo, cun responsable político directo: o señor Renda”, engaden. “Arredor de 145.000 euros de investimento en pequenas actuacións, sen planificación, sen impacto. Isto non é un plan de Concello, é ir tirando. Non é investir, é parchear”. E para o PXOM, que tamén é responsabilidade de Renda, “non había nada no 2025 e tampouco contemplaban nada para o 2026”.


Os concelleiros advirten tamén da “clara liña en materia de persoal: recortar”. E lembran que “xa o fixeron no 2025 e o goberno que fala de reforzar servizos públicos o que pretende no 2026 é eliminar 3 prazas e crear só 2”. Así mesmo, inciden en que “a decisión de eliminar a praza de chófer-palista non se entende dende ningún punto de vista porque: compran maquinaria, pero eliminan ao persoal que a pode empregar e as pistas do rural están en mal estado, pero eliminan a praza para dar o servizo”. E “se o rural está abandonado, o casco urbano tamén”, subliñan.

Os populares conclúen que “estes orzamentos non son novos. Son a confirmación de que este goberno non ten rumbo. Repiten os mesmos erros, toman as mesmas decisións e ofrecen os mesmos resultados”. Os populares aseguran que “non podemos apoiar estes orzamentos por responsabilidade cos veciños” e porque “Vilalba merece máis”.