Partido Popular de Lugo

O goberno de PSOE e BNG de Burela néganse a “cumprir coa legalidade” e sacar a licitación pública o servizo de limpeza en instalacións municipais e centros escolares

Burela, 27 de marzo de 2026. O PP de Burela logrou o apoio unánime do Pleno á proposta para instar ao Goberno central a executar os 7,7M€ comprometidos no ano 2021 para remodelar o cuartel de Burela. “Pero este acordo quedou ensombrecido pola sorprendente negativa do PSOE López Moreno López e o BNG de Pillado, a que o Concello saque de forma urxente a licitación pública o contrato de limpeza das instalacións municipais que afecta, de forma moi especial, aos centros escolares”.

O portavoz popular, Manuel Rouco, explica que “dende o comezo do mandato da señora López Moreno, estase a renovar de forma tácita -infrinxindo a Lei de Contratos do Sector Público- este contrato polo servizo de limpeza”. E, os tenentes da alcaldesa, co consentimento da propia rexedora, lonxe de apoiar esta proposta do Grupo Municipal Popular para que o goberno local deixe de vulnerar a lei, ante a impotencia polas escusas peregrinas para non volver a axenda da legalidade, dedicáronse a insultar unha vez máis ao portavoz do Grupo Popular.

Rouco cre que “isto demostra a total e absoluta carencia argumental dos partidos do goberno neste asunto” toda vez que, incluso, “hai problemas co subministro do papel hixiénico: déronse ordes expresas para que se reducira a metade nos baños dos centros escolares debido á precariedade destas renovacións sucesivas no contrato”. Todo isto “non fixo cambiar de opinión ao PSOE e ao BNG”, condena.

E, incide, “a máxima autoridade do noso Concello sabe que se está a infrinxir a lei de contratos do sector público con estas renovacións sucesivas que se están a facer sen a correspondente licitación pública e transparente do servizo”. Pero, “ségueo facendo”, conclúe o popular.