Partido Popular de Lugo

O PP esixe a PSOE e BNG unha actuación “inmediata e urxente” na LU-P-1801, en Chantada, ante o elevado risco de derrubamento

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, xunto ao alcalde de Chantada, Manuel Varela, revisaron a situación na que se atopa a estrada provincial LU-P-1801 (Chantada – Nogueira – Os Peares) que á altura do PK-15, aproximadamente, “está a desprenderse, cun elevado risco de derrubamento cara os bancais e o río”.

Antonio Ameijide denuncia o “alarmante estado” que presenta a estrada provincial LU-P-1801, na que “a única actuación realizada pola Deputación foi poñer unhas barreiras para evitar o paso pola zona afectada e botar un pouco de formigón na cuneta contraria”.

O voceiro provincial popular esixe “unha actuación rápida e urxente” non só para “garantir a circulación, senón tamén para garantir a seguridade xa que hai un evidente risco de que parte do talud que sustenta parte do firme pode desprenderse en calquera momento cara os bancais de vides e ao río”.

Ameijide tamén alerta de que no caso de desprenderse o talud, estaríamos ante un posible dano ao río, xa que o posible arrastre de terras suporía un impacto ambiental, e un seguro dano a inmobles, viñas e propiedades privadas sobre as que caería a estrada se non se actúa de xeito inminente e contundente.

Ademais, o popular lamentou “a nula sensibilidade institucional” de PSOE e BNG que “durante uns días cortaron a circulación sen informar da situación ao Concello de Chantada”. “Vemos como o cambio na presidencia non supuxo ningún cambio na forma de traballar deste goberno provincial, mantendo o autoritarismo imposto polo anterior presidente e totalmente carente da lealdade institucional necesaria, sobre todo en casos de urxencia coma este, xa que nin aos propios veciños se informou do corte da estrada, nin dos motivos nin de cando se arranxaría a situación”, lamentou.

“Resulta imprescindible que o goberno da Deputación actúe con rapidez e eficacia, adoptando as medidas necesarias para estabilizar o talud, garantir a seguridade da vía e evitar danos ambientais e económicos irreparables”, rematou.