Partido Popular de Lugo

O PP condena que “o Goberno de Sánchez recoñeza que a pesar de ter proxecto non executou en 8 anos as obras para estabilizar o acantilado da praia de Sacido”

Viveiro, 26 de marzo de 2026. O Partido Popular condena a “falta de dilixencia” do Goberno de Sánchez á hora de acometer actuacións para estabilizar o acantilado danado da praia de Sacido, na parroquia viveirense de Covas, no ano 2018.

“Despois de oito anos sen solucións”, os representantes no Senado do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- formularon unha pregunta ao Goberno a petición da alcaldesa, Mariña Gueimunde.

E o Goberno de España recoñece que hai un proxecto. “Pero non está executado. E non dan explicacións sobre os motivos polos que non está realizado nin sobre as previsións nin prazos para implantar algunha solución” sobre o terreo que garanta a seguridade na zona.

Os populares queren saber cando terán acceso os veciños e bañistas a este emblemático e recoñecido areal que foi merecedor do distintivo de calidade Bandeira Azul. “Polas datas nas que nos atopamos e co proxecto aínda sen licitar, entendemos que para esta temporada volverá ser imposible acceder á praia de Sacido”, apuntan.

Os senadores do PP lamentan que “a falta de compromiso do Goberno de Sánchez coa provincia chegue tamén a un areal que leva 8 anos co acceso cortado e o paso prohibido despois dun desprendemento”.

Os populares urxen ao departamento de Costas a adoptar medidas na Mariña lucense que rexistra outros puntos perigosos derivados dos desprendementos por erosión. Tense producido tamén un incidente similar na praia de San Bartolo (Barreiros) onde as denuncias do PP serviron para poñer o foco no desinterese do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por ofrecer unha solución.

Recentemente, os senadores presentaban iniciativas na Cámara Alta en relación á situación da plataforma de FEVE á altura da praia de Arealonga entre Fazouro e Nois (Foz).