Partido Popular de Lugo

O PP de Foz critica a falta de planificación nas obras da rúa Jesús Nazareno e reclama a súa modificación

Foz, 23 de marzo de 2026. O Partido Popular de Foz amosa novamente a súa decepción polo resultado dos traballos realizados no centro urbano, en particular polas obras na rúa Jesús Nazareno. O voceiro municipal popular, Javier Castiñeira, denuncia a ausencia de planificación e a perda dunha oportunidade para mellorar de xeito integral esta zona do municipio.

“Dende o PP de Foz mostramos novamente a nosa decepción polo resultado dos traballos e das obras feitas polo señor Cajoto no centro urbano. Hai unha falta de planificación absoluta e de organización e, sobre todo, non existe un plano claro do que se quere facer”, sinala Castiñeira.

O portavoz popular explica que se está a actuar en zonas sensibles do casco histórico sen corrixir problemas estruturais: “Estanse a facer obras na zona antiga, como neste caso na rúa Jesús Nazareno, no barrio mariñeiro, con rúas estreitas, e ao final séguense deixando cos mesmo defectos, con beirarrúas que non cumpren a normativa”.

Neste sentido, advirte das dificultades que seguirán sufrindo determinados colectivos: “Van seguir tendo moitos problemas as persoas con mobilidade reducida, con anchos de beirarrúa que non cumpren as normas. Ao final só é un simple lavado de cara que nos vai custar aos veciños máis de 120.000 euros”.

Ademais, o PP asegura ter solicitado xa a documentación do proxecto: “Dende o Partido Popular solicitamos a documentación e o proxecto desta obra, que entendemos que é absolutamente decepcionante, porque postos a facer unha obra deste tipo, o ideal sería deixala en perfectas condicións para todo o mundo”.

Segundo Castiñeira, as queixas veciñais apuntan na mesa dirección: “O que nos din os veciños é que ao final o que se vai a facer é cambiar algún servizo, aglomerar e asfaltar. Está claro que facía falta, pero perdemos unha oportunidade importante para facer unha rúa diferente, humanizada”.

O portavoz do PP puxo como exemplos actuacións realizadas noutras zonas do propio municipio: “Como se están facendo noutros concellos ou como se fixo en Foz na zona de Álvaro Cunqueiro e na Avenida da Mariña, totalmente humanizadas, sen bordillos e sen barreiras arquitectónicas. Aquí o señor Cajoto limita a aglomerado, asfalto e pouco máis”.

Por último, o Partido Popular insta ao goberno local a rectificar mentres aínda está a tempo: “Iso non deixa de ser un lavado de cara, con rúas propias dos anos 80, con bordillos altos e falta de mobilidade, especialmente para persoas maiores, que son moitas das que viven nesa rúa. Pedímoslle ao alcalde que, se está a tempo, modifique o proxecto, elimine eses obstáculos, eses bordillos tan altos e esas beirarrúas tan estreitas, porque lamentablemente despois imos ter que sufrilos durante moitos anos”.