Partido Popular de Lugo

O PP esixirá dende o Senado que o Goberno de Sánchez mellore o Cuartel de Ferreira este ano

O Valadouro, 20 de marzo de 2026. Os senadores do PP por Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- levan ao Senado unha iniciativa para que o Goberno de España licite, adxudique e inicie a rehabilitación e mellora do Cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro ao longo do 2026.

O representante mariñán na Cámara Alta, José Manuel Balseiro, presentou a iniciativa xunto ao alcalde, José Manuel Lamela, para reclamar a mellora do cuartel como teñen acordado de forma unánime no Pleno da Corporación do Valadouro e tamén en Alfoz.

A proposta do Partido Popular inclúe actuacións nestas instalacións “conforme ao proxecto técnico que acredita a necesidade de reparación do patio interior e de adecuación dos accesos a todos os edificios, cunha valoración estimada de 190.000 euros, así como acometer cantas obras de reparación se consideren oportunas, conforme a criterios técnicos, e a dotar a este cuartel dos medios e persoal suficientes para acabar coa situación actual de precariedade que sofre esta instalación”.

Os populares explican que “o Goberno de Sánchez, en resposta oficial, dixo primeiro que as obras de reparación e rehabilitación que se consideren oportunas, conforme a criterios de dispoñibilidade, urxencia e necesidade se acometerían con cargo á partida dirixida á Comandancia da Garda Civil”. Despois, chegou a sinalar que “estaba prevista a reparación do patio interior e a adecuación dos accesos a tódolos edificios, en canto as asignacións orzamentarias o permitiran, cunha valoración inicial estimada de 190.000 euros”.

E, agora, nunha nova resposta oficial ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense, o Executivo estatal asegura que as actuacións recollidas no informe técnico de reforma y rehabilitación da casa cuartel de Ferreira do Valadouro están estimadas actualmente en 520.000 euros.

Os populares levan ao Senado unha iniciativa de impulso para “darlle un mandato claro ao Goberno de Sánchez” ante “os numerosos cambios criterios, múltiples contradicións e, sobre todo, a ausencia de prazos e datas concretas para executar os compromisos adquiridos fai meses”.

“O que queremos é que se executen dunha vez por todas as necesarias obras de mellora no cuartel de Ferreira do Valadouro co orzamento que sexa preciso para garantir a súa funcionalidade na actividade de servizo aos veciños e veciñas e para ofrecer unhas óptimas condicións nas vivendas dos axentes”, conclúen.

MÁIS AXENTES

Os representantes do PP lucense no Senado tamén avanzan que, a petición do alcalde do Valadouro, “formularemos unha pregunta para pedir explicacións ao Goberno de Sánchez sobre cando ten pensado dotar a este cuartel de máis persoal”; toda vez que na actualidade só conta con 2 axentes.

Lamela apunta que o cuartel de Ferreira, un dos máis antigos de Galicia, “presta atención a dous concellos con gran dispersión territorial” polo que precisa máis persoal. “É necesario dotar ao servizo de máis gardas”, conclúe.