Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que Lourenzá non poida celebrar Plenos dende novembro e que “o goberno provincial de PSOE e BNG non de solución inmediata dende a Deputación”

Lourenzá, 19 de marzo de 2026. O PP condena que “o goberno provincial de PSOE e BNG na Deputación de Lugo lle negue asistencia técnica ao Concello de Lourenzá para poder realizar as xestións do día a día e a celebración dos Plenos, que non se convocan dende novembro,” ao non dispoñer da figura de secretario-interventor.

“A falta de colaboración por parte do goberno provincial provoca unha clara vulneración dos máis básicos principios da democracia”, segundo considera o portavoz provincial, Antonio Ameijide. “O goberno de PSOE e BNG na Deputación está a incumprir a función de cooperación cos Concellos máis pequenos, como lle corresponde por lei”, engade. Pola súa banda, “a Xunta de Galicia fixo a súa parte, dentro das súas competencias, para intentar cubrir a praza cos medios ao seu alcance”.

Ameijide indica que “o Concello non debería ter escusa para non convocar as sesións plenarias” porque “a Deputación ten que dar cumprimento ás súas competencias legais e dar cobertura temporal en calquera situación ao servizo de secretaría e intervención”. Con todo, “a pesar de que o Concello solicitou colaboración e, incluso, lle concederon o servizo, xa volven estar sen secretaría-intervención. Non parece serio”, incide.

Dende o PP de Lourenzá cren que “a alcaldesa de Lourenzá se atopa máis cómoda sen convocar os Plenos municipais” porque “evita render contas e someter a súa xestión a fiscalización por parte da oposición e ás preguntas, rogos e debate público”.

E, mentres, “o Concello atópase paralizado. Nin hai orzamentos municipais aprobados para este ano polo que teñen que tirar das contas prorrogadas do ano anterior”. Con todo, os concelleiros do PP advirten que “non ter secretario dende novembro non é ningunha escusa porque os orzamentos para este ano deberían estar presentados dende antes do mes de outubro do ano anterior”.