Xoves, 19 de marzo de 2026. O deputado nacional do Partido Popular por Lugo, Jaime De Olano, reclamou no Congreso dos Deputados maior compromiso e axilidade por parte do Goberno central coas necesidades en materia de seguridade no que atinxe ao despregue da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional e á construción dunha nova comisaría na cidade.
Durante a súa intervención na Comisión de Interior, De Olano lembrou que “hai máis de cinco anos” que se aprobou practicamente por unanimidade unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular para a creación desta unidade en Lugo, unha demanda histórica da sociedade lucense. “A necesidade non fixo máis que aumentar co paso do tempo, tanto polo incremento da criminalidade como polo éxito de eventos culturais e deportivos que multiplican a poboación en moitos concellos”, sinalou.
Neste sentido, puxo como exemplo citas multitudinarias como o Arde Lucus, o Resurrection Fest ou a Semana Santa de Viveiro, que evidencian a necesidade de reforzar os efectivos policiais.
O deputado popular criticou que, malia os compromisos adquiridos polo Goberno, a UPR de Lugo segue sen estar operativa. “Estamos case cun ano de atraso respecto ao anunciado polo Executivo, o que demostra unha falta de interese preocupante”, afirmou.
A resposta do Goberno confirmou que a unidade foi creada en 2025 e que actualmente se atopa en fase de dotación de medios materiais e persoais, sen concretar unha data definitiva para a súa entrada en funcionamento.
Entre elas, destacou a necesidade “urxente e inaplazable” dunha nova comisaría da Policía Nacional na cidade de Lugo, un proxecto comprometido xa en 2018 e que, segundo denunciou, continúa sen avances reais. O deputado solicitou ao Goberno información sobre a inclusión desta infraestrutura no futuro plan estatal e sobre os prazos previstos para a redacción do proxecto e o inicio das obras.
Pola súa banda, a secretaria de Estado recoñeceu non poder concretar datas nin confirmar a inclusión da comisaría no vindeiro plan de infraestruturas, aínda en fase de elaboración, comprometéndose a trasladar esa información cando estea dispoñible.
Dende o Partido Popular insisten en que Lugo “non pode seguir esperando” e reclaman ao Goberno feitos concretos e prazos claros para garantir a seguridade e os servizos que merecen os lucenses.