Madrid, 17 de marzo de 2026. O PP logra aprobar na Comisión de Industria e Turismo do Senado -coa abstención do PSOE e a ausencia do BNG- unha iniciativa para instar ao Goberno de Sánchez “a cumprir co compromiso que el mesmo adquiriu” de dirixir 1,5M€ para rehabilitar o mosteiro de Vilar de Donas, en Palas de Rei. “É unha actuación necesaria, de xustiza porque non se fixo cando se tiña que facer e cunha oportunidade importante que ten que ver co próximo Xacobeo 2027”, apuntou o senador lucense José Manuel Barreiro.
Barreiro expuxo, de feito, que “esta proposta está vinculada a dúas cuestións. Por unha parte, ao indiscutible papel do Camiño de Santiago -que algúns autores definen como a primeira gran autopista europea- como elemento de promoción económica, de rehabilitación dos lugares por onde pasa e de presenza de visitantes”. E, por outra parte, a “algo que debería ser innecesario” como é “reclamar aquelo que se tiña prometido”.
O popular sinalou que “había un compromiso do Goberno de Sánchez no Plan Nacional de Turismo Xacobeo 21-22 con cargo a fondos europeos de recuperación Next Generation que na páxina 13 recolle o compromiso de levar a cabo un investimento de 1,5M€ para a rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas, unha peza moi importante do románico galego moi próximo ao Camiño de Santiago no municipio de Palas de Rei. E estamos no ano 2026 e non se fixo absolutamente nada sobre ese compromiso documentalmente recollido”, apuntou Barreiro.
Os senadores do PP pola provincia de Lugo tiñan formulado unha pregunta por escrito sobre a razón do Goberno de España pola que non asume ese compromiso, “pero non nos aclara absolutamente nada en relación a esta cuestión que é algo moi concreto”.
Por iso, os populares solicitan que “ese compromiso, aínda que sexa tarde, que se cumpra e se leve a cabo esta actuación” tendo en conta que “o próximo ano 2027 será tamén Ano Santo e o número de peregrinos que vai visitar será moi grande”.
Barreiro sinalou tamén que “non sei a que razóns obedece non ter levado a cabo este investimento; pero en Galicia en xeral e na provincia de Lugo en particular temos moi malas experiencias en relación ao cumprimento dos compromisos por parte do actual Goberno”.
INCUMPRIMENTOS DE SÁNCHEZ E INCOMODIDADE DE MOGO
O senador popular pediulle ao senador socialista pola provincia, “como representante do Grupo Parlamentario que apoia ao Goberno, que responda se apoia ou non esta actuación”. E, sobre as reclamacións á Xunta de Galicia, Barreiro explicou que “xa ten levado a cabo actuacións, cun investimento de arredor dos 150.000 euros”; pero “a que non se levou a cabo é a que estamos reclamando agora” e que “recollía o Plan Nacional de Turismo Xacobeo 21-22 presentado polo propio Goberno do señor Sánchez”.
Barreiro cre que, ante os incumprimentos de Sánchez con Galicia e coa provincia de Lugo, “o señor Mogo non está nunha posición cómoda: parece que lle molesta que cada vez que os senadores do Partido Popular pola provincia traemos unha iniciativa de impulso para tratar de corrixir unha situación ou levar a cabo algún tipo de actuación; pero xa lle adianto que seguiremos”.