Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte propón que “o Concello poña os locais e espazos municipais sen actividade a disposición dos cidadáns”

Monforte, 17 de marzo de 2026. O PP de Monforte propón que o Concello poña a disposición dos cidadáns os distintos locais e espazos de titularidade municipal sen uso. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular instarán no vindeiro Pleno da Corporación Local ao equipo de goberno a tomar en consideración esta iniciativa de dinamización “en beneficio da cidade e dos veciños e veciñas”.

O Concello de Monforte ten varios locais de titularidade municipal que na actualidade están sen uso. Os populares explican que se trata de “espazos de diversa tipoloxía construtiva que poderían acoller diferentes tipos de actividades, tanto de carácter social coma comercial”.

Un dos exemplos do “abandono” e “falta de xestión para impulsar a actividade comercial da cidade” por parte do equipo de goberno son os quioscos sitos na Compañía que se atopan pechados na actualidade. “E o goberno local, en lugar de reaccionar, segue parado, sen sacalos a concurso, a pesar de que hai interesados en poder reactivar a actividade nestes espazos”.

Os populares non só se refiren a estes quioscos, senón tamén a outros locais de titularidade municipal “como o edificio de Expolemos, na N-120, o quiosco do campo do San Antonio, o local do centro do viño que hai anos acolleu un bar e restaurante, ou o local que era restaurante na Praza de Abastos”.

Os concelleiros do Partido Popular lamentan que “haxa edificios sen actividade” cando “hai emprendedores que carecen dun espazo e continúan agardando que o Concello axude coa cesión dalgún destes ou asociacións sen locais onde realizar as súas reunións”.