Lugo, 16 de marzo de 2026. José Manuel Barreiro defenderá este martes na Comisión de Industria e Turismo do Senado unha iniciativa dos senadores do PP lucense para instar ao Goberno de Sánchez a cumprir coa asignación económica comprometida para o proxecto de rehabilitación do Mosteiro de Vilar de Donas, no municipio lucense de Palas de Rei, conforme ao previsto no Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, que reservaba unha partida de 1.500.000 euros con esta finalidade.
En xuño do ano 2021 o Goberno de España presentaba, no Museo de Belas Artes de Oviedo, o Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-2022, un proxecto para impulsar os Camiños de Santiago como produto cultural e patrimonial e que prevía un investimento superior a 121 millóns de euros, a financiar con cargo aos fondos europeos de recuperación Next Generation.
Entre os investimentos previstos neste Plan Nacional Turístico Xacobeo, o Goberno reservaba unha partida de 1.500.000 euros para a rehabilitación do Mosteiro de Vilar de Donas, no municipio lucense de Palas de Rei.
“Transcorridos tres anos desde o anuncio, non existe constancia da liberación destes fondos asignados para esta obra de recuperación e iso a pesar de que xa existe un acordo co Bispado de Lugo, que se mostra favorable á rehabilitación integral deste inmoble, hoxe en mal estado de conservación”, apunta o popular.
Barreiro cre que “esta sería, sen lugar a dúbida, unha obra de gran importancia e especialmente conveniente neste momento, cando no horizonte está o próximo Ano Santo Xacobeo 2027”.
O mosteiro forma parte do patrimonio histórico e cultural de Palas de Rei e representa unha recorrente demanda da cidadanía, así como un atractivo para os miles de visitantes que acoden á igrexa románica anexa ao mosteiro.