Partido Popular de Lugo

O PP de Foz denuncia o colapso da desembocadura do río Ouro na Pampillosa e reclama unha actuación urxente

Foz, 16 de marzo de 2026. O Partido Popular de Foz denuncia a situación “moi grave” que presenta na actualidade a desembocadura do río Ouro na zona da Pampillosa e reclama unha actuación inmediata para evitar riscos para os veciños e para as propias infraestruturas do lugar.

O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, explica que a saída do río ao mar está practicamente colmatada por pedras e areas entre as dúas escolleiras laterais que canalizan a desembocadura. Segundo indica, esta acumulación está impedindo a correcta evacuación da auga, provocando que o río quede embalsado río arriba e que acabe desbordándose por unha das escolleiras.

Castiñeira advirte de que esta situación está a provocar un “debilitamento importante” da infraestruturas e atribúe o problema á “falta total de mantemento e de control por parte das administracións competentes”.

Neste sentido, lembra que na xestión desta zona está implicada dúas administracións: o Concello de Foz e a Dirección Xeral de Costas, dependente do Goberno do Estado. “Levamos anos solicitando a dragaxe desta entrada do río e ninguén nos fixo caso”, lamenta.

O portavoz popular alerta de que o actual estado da desembocadura pode provocar problemas graves, especialmente para os veciños que viven nas zonas próximas ao río. “En caso de inundacións ou de episodios meteorolóxicos adversos poderían producirse danos nas vivendas e nas propiedades da contorna”, advirte.

Por este motivo, o Partido Popular reclama unha actuación urxente para retirar as pedras e a area acumulada e liberar a saída do río ao mar. Ademais, considera necesario establecer unha planificación periódica de dragaxes na desembocadura do río Ouro para garantir o seu correcto funcionamento.

“Estase a poñer en perigo tanto a seguridade das persoas como a das propias infraestruturas, que poden estar sufrindo un desgaste moito maior por non ter o mantemento adecuado”, conclúe Castiñeira.