Partido Popular de Lugo

O PP condena “o estado de abandono do Campo da Feira do Viveiró pouco máis de dous anos despois de facer obras con diñeiro público”

Muras, 16 de marzo de 2026. O PP comparte a preocupación dos veciños e veciñas polo “abandono” do Campo da Feira do Viveiró, no municipio de Muras, despois de realizar obras de humanización cofinanciadas pola Deputación de Lugo e o Concello fai pouco máis de dous anos.

“O que debería ser unha boa nova para todos, en realidade non o é porque, pouco máis de dous anos despois do remate das actuacións nese entorno, os veciños e veciñas da zona sofren as consecuencias dunhas obras que non foron pensadas para ser útiles e funcionais no día a día dos veciños”, segundo explica o portavoz provincial, Antonio Ameijide. De feito, “o deseño actual da praza xera máis problemas que beneficios” xa que “presenta numerosas deficiencias”.

A portavoz municipal, Eugenia Requeijo, condena “o estado actual da praza non se parece en nada ao da foto do final das obras”. E explica, por exemplo, que “faltan farolas, o mobiliario está torcido ou movidos do sitio, as zonas verdes non se coidan e o terreo arredor das árbores está feito unha lameira e a auga pasa para as beirarrúas”.

“Un dos problemas máis graves é que agora, cando chove, entra a auga nas vivendas que dan ao Campo da Feira; cando antes iso non pasaba”, como apunta a portavoz popular. Isto débese a que os novos sistemas para evacuar a auga da choiva que se fixeron coa obra “non se limpan” e, por este mesmo motivo, tamén “desprenden olores insoportables nos días de calor, igual que na Praza da Galeguidade, en Muras”.

Por todo isto, Eugenia Requeijo esíxelle ao alcalde “preocuparse por esta situación” e dar unha solución aos veciños e veciñas; ademais de “levar a cabo o debido mantemento de tódolos espazos municipais, tamén onde se acometen obras porque non chega só con arranxar, tamén hai que conservar, porque “non chega só con arranxar, tamén hai que conservar”.

PÉSIMA IMAXE

Os populares condenan, polo tanto, que “despois de gastar uns 400.000 euros de diñeiro público e dous anos despois do remate das obras, o estado do Campo da Feira do Viveiró sexa lamentable e proxecte unha pésima imaxe do municipio e dun dos seus lugares máis emblemáticos”.

Eugenia Requeijo cre que “o actual estado do Campo de Feira do Viveiró é un claro reflexo do abandono deste equipo de goberno municipal e do pouco que lle interesa ao alcalde nacionalista o día a día dos nosos veciños e veciñas. En lugar de traballar por Muras, prefire intentar facer oposición ao Goberno da Xunta”.