Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP esixen ao Goberno de Sánchez reforzar de inmediato o persoal de Correos en Lugo

Lugo, 8 de marzo de 2026.- Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano – rexistraron unha moción na Cámara Alta na que instan ao Goberno de España a adoptar medidas urxentes para reforzar o servizo público de Correos na provincia ante o deterioro que, segundo denuncia, está a sufrir nos últimos anos.

A iniciativa, que será debatida na Comisión de Facenda, alerta dos continuos retrasos no reparto, da acumulación de correspondencia e da sobrecarga de traballo que están a sufrir os carteiros, unha situación que afecta especialmente aos concellos do medio rural.

Os senadores populares sinalan que esta situación é consecuencia “dunha política de recortes encubertos, da falta de planificación e da ausencia de reforzos suficientes por parte do Goberno”, do que depende a empresa pública Correos.

Segundo os datos facilitados polo propio Executiva en resposta a preguntas parlamentarias do PP, a plantilla media de Correos na provincia de Lugo pasou de 499 traballadores no ano 2019 a 463 en 2025. “É dicir, hai menos persoal para atender un territorio amplo, envellecido e cunha gran dispersión poboacional que necesita precisamente máis presenza e non menos”, advirten.

Ademais, as respostas do Goberno recoñecen que máis do 13% da plantilla se atopa en situación de incapacidade temporal, unha circunstancia que, segundo denuncian os populares, “non se está a cubrir coa rapidez necesaria”, o que provoca atrasos no reparto e unha maior carga de traballo para o resto do persoal.

Os senadores lembran tamén que en distintos municipios lucenses -como Ribas de Sil, O Valadouro, Alfoz, Foz ou Trabada, entre outros- se están rexistrando problemas no funcionamento do servizo debido á falta de efectivos e á acumulación de baixas sen substituír.

Para o PP, esta situación afecta con especial intensidade ao rural lucense. “En moitos concellos o carteiro converteuse nun servizo esencial que compensa o peche de oficinas bancarias ou a desaparición doutros servizos administrativos”, sinalan.

Por este motivo, a moción presentada polos senadores populares reclama ao Goberno que adopte medidas inmediatas para reforzar a plantilla de Correos na provincia, cubrir todas as vacantes estruturais e garantir a substitución automática das baixas, así como dotar ás oficinas e unidades de reparto dos medios necesarios para asegurar a calidade e puntualidade do servizo.

Ademais, propoñen a posta en marcha dun plan específico de reforzo para o medio rural lucense que garanta que ningún municipio vexa reducido o seu servizo postal por falta de persoal.

“Non se pode falar de reto demográfico e cohesión territorial mentres se debilita un servizo público básico no rural”, conclúen os senadores do PP.