Foz, 6 de marzo de 2026. O Partido Popular de Foz denuncia que o goberno socialista liderado por Cajoto continúa aplicando unha política baseada “en recadar máis a costa do peto dos veciños” algo que -segundo os populares- leva producíndose durante toda a lexislatura e media de mandato.
O voceiro popular, Javier Castiñeira, asegurou que nos últimos días se están producindo situacións “totalmente surrealistas” que afectan directamente á economía das familias de Foz.
“Estes días están chegando recibos con recargos e mesmo sancións a veciños que tiñan os pagos domiciliados perfectamente. Isto demostra unha absoluta falta de control por parte do goberno local sobre a xestión dos cobros que se realiza a través da Deputación de Lugo”, sinala Castiñeira. Segundo explica, hai taxas que non se cobraron no seu momento e que agora se están reclamando aos veciños con recargos, algo que considera inxusto para os contribuíntes.
O voceiro popular tamén advirte de problemas coas facturas da auga, que segundo indica están chegando agora acumuladas e con subas neste bimestre, o que supón un novo golpe para a economía de moitas familias.
Outro dos exemplos que critica o voceiro do PP é o cobro de cinco euros a arredor de 700 xubilados pola tradicional comida de homenaxe, un acto que -segundo lembra- “sempre foi gratuíto”.
“Agora o alcalde, na súa obsesión por recadar, decidiu cobrar incluso aos xubilados por unha comida que sempre foi un xesto de recoñecemento do Concello cara a eles”, lamenta Castiñeira.
Desde o PP consideran que todas estas medidas responden á “obsesión recadatoria” do executivo local e critican que, mentres se incrementa a presión fiscal, “o único que vemos é propaganda”.
“Mentres os veciños pagan máis impostos, o único que fai o señor alcalde é sacar fotos e vídeos para vender unha xestión que en realidade está castigando o peto dos focenses”, afirma o popular.
O PP lembra que xa advertiu ao alcalde de que este “non é o camiño” e deixa claro que non apoiará uns orzamentos que continúen baseándose na suba de impostos.
“Se a única idea do goberno local é seguir subindo impostos para recadar máis, o Partido Popular non vai aceptar esa política e non nos sentaremos na mesa dos orzamentos. O que hai que facer é aliviar a carga fiscal dos veciños e non seguir con máis cobros e máis recargos”, conclúe Castiñeira.