Partido Popular de Lugo

O PP amosa a súa preocupación ante un equipo de goberno que “non está informado” das facturas que se pagan con cartos de todos os veciños

Pol, 6 de marzo de 2026. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian “o alarmante estado” do Concello, cun equipo de goberno que “aproba puntos e expedientes nos plenos dos que non teñen información”.

Así de contundente se amosou a voceira popular, Nicole Grueira, á conclusión do pleno extraordinario convocado para esta mañá por Lino Rodríguez.

“Vemos con moita preocupación como o equipo de goberno que tivo que defender todos os puntos da orde do día do pleno confirmou que non tiñan coñecemento de ningún expediente, chegando a confirmar que nos informarán cando eles teñan a información”, denunciou.

Nicole Grueira denuncia que “o equipo de goberno chegou ao pleno sen ter toda a información, viñeron a un pleno municipal sen informarse do que traían”.

“A diferencia de vostedes, o Partido Popular está preocupado pola situación do Concello. Vostedes non están preocupados e nós si, esa é a diferencia entre o PSOE e o PP”, sinalou.

Neste pleno tamén quedou en evidencia, unha vez máis, a “nefasta” situación económica que atravesa o Concello, debido “á neglixente” xestión de Lino Rodríguez.

Nicole Grueira denunciou que “o alcalde leva dende outubro sen convocar os plenos ordinarios pero, cando lle interesa, convoca un extraordinario” polo que “o primeiro que temos que esixir é que regrese ao camiño da normalidade e, sobre todo, á legalidade”.

A este pleno extraordinario o equipo de goberno trouxo varios recoñecementos extraordinarios de crédito con facturas de varios anos atrás, como de 2024 e 2025. Entre esas facturas figuran 10.350,70€ (ano 2024) e 7.784,75€ (ano 2025) de zahorra para varias parroquias, “material destinado ao arranxo de pistas e camiños municipais que dende o PP nin os propios veciños viron que se empregase para mellorar as vías de comunicación”.

Ademais, Nicole Grueira tamén puxo o foco nos 14.000€ de facturas de avogados “que paga o Concello de Pol para tentar defender a Lino Rodríguez de todo aquelo que fai mal e que agora temos que pagar todos os veciños”.