Foz, 4 de marzo de 2026. O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz conta deste esta semana cun novo concelleiro, Iago Rivas Eiroa, veciño da parroquia de Vilaronte, que se incorpora á corporación municipal en substitución de Dolores Labrada, quen deixa a acta por motivos persoais.
Desde o PP de Foz destacan que se trata dunha incorporación “importante e moi positiva”, ao tratarse dunha persoa nova, de 33 anos, moi activa na vida social e profesional do municipio e cunha ampla traxectoria no sector da hostalaría. Ademais, Rivas Eiroa representou en numerosas ocasións a Foz en concursos e eventos, o que demostra o seu compromiso co pobo.
“O seu perfil achega frescura, ilusión e capacidade de traballo ao noso grupo municipal”, sinalan desde o PP, subliñando que se trata dunha persoa con moito que aportar á corporación e ao proxecto político do Partido Popular de Foz.
A incorporación prodúcese aproximadamente a metade da lexislatura, nun momento no que o PP de Foz seguirá mantendo a mesma liña de traballo desenvolvida ata agora: defensa dos intereses dos veciños, labor de control e presentación de propostas construtivas para mellorar o municipio.
Desde o grupo popular lembran que Foz conta cun goberno en minoría “que non está a cumprir cos obxectivos nin coas expectativas creadas”, polo que consideran máis necesaria ca nunca a súa función de control e vixilancia da xestión municipal.
Neste sentido, o PP de Foz seguirá poñendo o foco en cuestións que preocupan especialmente á veciñanza, como a xestión da auga e o impacto económico das dúas facturas que se están a cargar aos fogares, que afecta directamente á economía das familias.
“O Partido Popular continuará traballando con responsabilidade, escoitando á veciñanza e defendendo unha xestión municipal máis xusta e eficiente”, conclúen.