Lugo, 3 de marzo de 2026.– Os deputados do PP no Congreso pola provincia de Lugo, -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades-, e da provincia de Ourense -Celso Delgado, Ana Belén Vázquez e Rosa Quintana-volven dirixirse ao Goberno de Sánchez para que aclare cando ten previsto adoptar medidas efectivas para reparar a N-540 ante o seu “deplorable” estado. De feito, as testemuñas das asociacións veciñais, profesionais e ata da Garda Civil acreditan que esta estrada da rede do Estado está en pésimo estado, polo que resulta “perigosa e está poñendo en un grave risco aos usuarios da mesma”.
Os populares esixen novamente explicacións ao Goberno -a través de preguntas escritas- pola falta de actuacións nesta estrada que comunica ambas cidades que son capital de provincia, así como do resto das infraestruturas viarias das dúas provincias.
Os deputados do PP xa se teñen dirixido en varias ocasións ao Executivo que, fai escasos tres meses, recoñecía que, 22 meses despois de iniciarse as obras, non executara ningunha actuación en preto de 26km. E das realizadas entre os p.k.17 e p.k.60 (43km) non aclararon se eran actuacións parciais ou as totais previstas. Polo tanto, a súa resposta foi “insuficiente” e “desalentadora” porque non daba detalle sobre as obras executadas no tramo correspondente á provincia de Lugo nin comprometía unha data para o remate da totalidade das obras de rehabilitación do firme.
Os populares engaden que este duro inverno, cunha situación meteorolóxica moi adversa, provocou que o estado da N-540 sexa “aínda máis penoso” polo que comparten as reivindicacións de moitos colectivos que esixen “solucións urxentes”.
Ademais da rehabilitación integral do firme da vía para garantir a seguridade viaria, os representantes no Congreso tamén esixen saber se o Ministerio de Transportes y MovilidadSostenible se fará responsable dos gastos de reparación dos danos que están sufrindo os vehículos que transitan pola N-540 debido ao pésimo estado desta estrada chea de baches.
Os deputados do PP de Lugo agardan que a promesa do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sexa unha realidade máis pronto que tarde, e “que se converta nun plan de actuación crible e urxente”, en alusión ao compromiso feito por Blanco de arranxar a N-540. “Agardamos que así sexa para garantir a seguridade viaria de todos os condutores”, sinalaron.