A presidenta do PP lucense, Elena Candia, presidiu esta tarde a xunta directiva do Partido Popular da provincia de Lugo na que participaron os conselleiros Diego Calvo e Fabiola García, unha xuntanza na que o PP de Lugo amosou “a unidade do Partido Popular como alternativa real de goberno fronte a un PSOE inmerso en constantes liortas internas e preocupado por blanquear o caso José Tomé e un BNG unicamente preocupado de manter a vicepresidencia da Deputación”.
Dende o PP de Lugo consideran que o silencio do Partido Socialista xa non é unha opción. «O PSOE non pode seguir escondendo a cabeza nin amparando a José Tomé, ao que manteñen na alcaldía de Monforte. Estamos ante unha querela da Fiscalía, non ante unha simple sospeita. É hora de que dean explicacións aos lucenses sobre se este é o modelo de conduta que defenden para os seus cargos públicos».
O BNG ATADO Á VICEPRESIDENCIA
Os populares tamén poñen o foco na «incoherencia absoluta» do BNG que mentres se di ser defensor do feminismo “a realidade amosa que o único que lle preocupa é manter os cargos e os salarios”.
“O BNG non ten saída ética; aceptou o voto de Tomé para manterse na vicepresidencia e mantén o seu apoio para non perdela”, denuncian.
Dende o PP de Lugo apuntan ao BNG como “o cómplice necesario para manter a parálise e a deshonra nunha institución que representa a todos os concellos da provincia e que é noticia por escándalos, en lugar de por colaborar dilixentemente con todos os municipios e os seus veciños”.
Para os populares a situación de José Tomé é «insostible». “A Deputación de Lugo merece unha presidencia libre de calquera sospeita de delitos que atenten contra a dignidade das persoas. A provincia non pode ser noticia nacional por escándalos xudiciais deste calibre. Lugo merece respecto e un goberno centrado na xestión, non na defensa xurídica do seu presidente».
Ante esta situación, o PP de Lugo amósase “como a opción que garante a estabilidade institucional na Deputación de Lugo, un partido propositivo, que seguirá traballando dende a humildade, a escoita e a coordinación coa convicción de que o proxecto do PP é o futuro da provincia”.