O portavoz do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia que o contrato de recollida do lixo caducou en agosto de 2023 e, dende entón, o Concello continúa prestando o servizo sen ter licitado un novo contrato, “prolongando unha situación irregular que xa supera os dous anos”.
O popular lembra que “os contedores dos que agora a alcaldesa decidiu desfacerse foran adquiridos precisamente para a nova licitación que se estaba preparando. Eran contedores modernos, adaptados aos novos camións automáticos de recollida que se prevían incorporar co novo contrato, mellorando a eficiencia do servizo e as condicións de traballo dos operarios mediante sistemas mecanizados”.
Gallego apunta que “dende a chegada desta alcaldesa levamos preguntando en pleno municipal, en máis de cinco ocasións, en que punto se atopaba a nova licitación do contrato do lixo. A día de hoxe seguimos sen resposta clara, sen cronograma e sen explicacións convincentes”.
“E agora, sorprendentemente, coñecemos que se desfai daqueles contedores que xa estaban preparados para os futuros camións automáticos e no seu lugar opta por mercar contedores antigos, obsoletos, que non estarán adaptados aos novos vehículos cando finalmente se licite o contrato”, engade. “Isto significa que, cando cheguen eses camións modernos, se é que chegan, haberá que volver cambiar os contedores e gastar novamente cartos públicos. É dicir, unha dobre inversión innecesaria derivada da falta de planificación”.
“Mentres a maioría dos concellos avanzan ca licitación de novos contratos máis eficientes, en Samos continuamos no pasado, cun servizo que deixa aldeas como San Cristobo do Real dous meses sen recollida, camións totalmente obsoletos, o punto limpo convertido nun auténtico vertedoiro e subidas de impostos sen ningún tipo de mellora. Esta é a política do BNG, vivir no pasado”, manifesta Gallego.
Os populares pregúntanlle “se algunha vez se vai a poñer a traballar na nova licitación do contrato e cumprir a lei”.