Lugo, 28 de febreiro de 2026.- Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten da redución de efectivos no servizo de Correos na provincia co Goberno de Pedro Sánchez: “dende o 2019 nunca estivo tan baixo o número de traballadores na provincia de Lugo como no 2025”. En cifras absolutas “os efectivos de persoal na provincia descenderon en 36 traballadores dende o 2019, o que supón unha redución do 7%”.
“O servizo de Correos, dependente do Ministerio de Transportes y Mobilidad Sostenible, rexistra no 2025 a cifra máis baixa de efectivos na provincia dende fai 6 anos”, lamentan os populares. “O Goberno de Sánchez recorta servizos ao rural e á nosa provincia. Este é outro exemplo do seu maltrato á provincia co consentimento dos socialistas lucenses e a complicidade do BNG”, engaden.
Os senadores do PP lucense condenan este recorte en materia de persoal, que deriva nun servizo deficiente en diversos concellos da provincia, especialmente no ámbito rural. “Nalgúns deles o reparto sofre días de atraso”, apuntan.
O mal funcionamento desta empresa pública xera descontento e queixas por parte de cidadáns e traballadores e, incluso, ten motivado accións de protesta. Nese sentido, os populares reclaman ao Goberno de Sánchez que “adopte medidas urxentes para garantir un servizo postal digno e de calidade no rural lucense”.