Partido Popular de Lugo

Juan Serrano acusa a César Mogo de ser “un palmeiro de Sánchez” e esíxelle que faga públicos os datos de investimentos en estradas do Estado 

O senador do Partido Popular de Lugo, Juan Serrano, acusa ao senador do PSOE, César Mogo, de mentir cada vez que “di defender os intereses da provincia, xa que o único que fai é defender os intereses de Pedro Sánchez”.

Juan Serrano afirma que “estou canso de que diga que minto cada vez que defendo a provincia na que resido; báixese do avión e percorra Lugo como o facemos os que vivimos aquí todos os días. Non son ningún cunero, eu débome ao territorio e á xente que me coñece, pode dicir vostede o mesmo?”.

O senador popular recorda como a súa traxectoria profesional sempre estivo vencellada á provincia. “Levo 40 anos de autónomo e quero seguir mirando aos ollos a quen me coñece de toda a vida e teña a seguridade de que eu sempre poño por diante os intereses da provincia e dos lucenses nas miñas reivindicacións”, asegurou.

En relación coas cifras de investimento en infraestruturas das que presume o PSOE, Juan Serrano sinala que “se é certo que investiron un 87 % máis, terá que recoñecer entón que o Partido Popular é moito mellor xestor, porque quen sofre os desprazamentos diarios pola provincia sabe que nunca se lembran así as estradas e autovías nacionais, moitas delas claramente abandonadas”, recordando como hoxe mesmo veciños da zona sur da provincia realizaron un corte da N-120, en Sober, para reclamar o arranxo inmediato desta estrada Nacional, “totalmente deteriorada e que é un perigo para a seguridade viaria”. 

Ademais, Juan Serrano insta a César Mogo a detallar publicamente “onde e en que actuacións concretas se investiu esa cantidade orzamentaria da que tanto presume”.

O senador do PP de Lugo esixe a Mogo “respecto para os lucenses” xa que os datos de sinistralidade amosan a realidade das estradas do Estado ao seu paso pola provinca de Lugo. “Se o firme está en bo estado, diminúen os accidentes”, polo que Juan Serrano esixe “o mantemento adecuado das infraestruturas, xa que é unha cuestión de seguridade e de respecto aos lucenses”.

Por último, Juan Serrano pide ao senador socialista que “deixe de ser un palmeiro de Madrid e defenda a súa provincia, aínda que non resida nela e só veña de maneira ocasional”. 

“Lugo necesita representantes que coñezan o territorio, que o pisen e que o defendan por riba das consignas de partido”, conclúe.