Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP de Lugo denuncian que non circularán trens eléctricos na liña ferroviaria entre Monforte-Lugo-A Coruña, pese ao investimento na electrificación da vía

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano-, acompañados de alcaldes e voceiros do PP dos concellos polos que circula a liña entre Monforte e Guitiriz, denuncian que na provincia non circularán trens eléctricos, polo que practicamente o 90% dos trens que se empregarán seguirán a ser diésel, un servizo ferroviario obsoleto do século XIX, malia a millonaria inversión da que presume o Goberno de España en materia de electrificación.

Segundo as respostas oficiais do Goberno a preguntas formuladas polos representantes do PP no Senado, a liña ferroviaria Monforte–Lugo–A Coruña continuará a funcionar con material rodante diésel “ao tratarse dunha liña de ancho ibérico que actualmente non se atopa electrificada, os trens que operan pertencen ao servizo de Media Distancia Convencional e circulan con material rodante da serie 594, tamén coñecido como TRD (Tren Rexional Diésel)”.

Do mesmo xeito, non existe ningún compromiso nin calendario para electrificar o tramo Lugo–A Coruña, fundamental para garantir un servizo moderno e competitivo.

O Executivo central presume dun investimento duns 625M€ na electrificación da liña Ourense–Monforte–Lugo, pero recoñece que, “mentres non se electrifique a parte restante ata A Coruña, non circularán trens eléctricos pola capital lucense, polo que os usuarios seguirán utilizando os mesmos trens diésel do século pasado”.

“É inadmisible que Lugo vaia contar cunha estación intermodal moderna, pero con poucos trens e, ademais, con material propio do século pasado”, sinalan os senadores populares, que lembran que outras liñas como Ourense–Monforte–León si están completamente electrificadas, “mentres o Goberno de Pedro Sánchez segue a discriminar á provincia de Lugo en materia de infraestruturas e comunicacións”.

Nas respostas do Goberno tamén se admite que non hai datas, prazos nin orzamento asignado para a electrificación do tramo Lugo–A Coruña, limitándose o Ministerio de Transportes a falar de estudos e análises sen concreción ningunha. Incluso no caso da conexión con Santiago de Compostela, “o Executivo central só alude a estudos de viabilidade, sen compromisos reais nin actuacións definidas”.

Os senadores do PP de Lugo consideran que esta situación supón unha falta de respecto á provincia e aos seus veciños, que “levamos anos agardando por un ferrocarril digno, moderno e equiparable ao doutras zonas de Galicia e do resto de España”.

“Lugo non pode seguir sendo a gran esquecida do mapa ferroviario. Non abonda con anunciar investimentos millonarios se na práctica os lucenses seguimos cos mesmos trens diésel e sen melloras reais no servizo”, conclúen.