O PP de Lourenzá amosa a súa preocupación pola situación que está a vivir o Concello ante a ausencia da secretaria municipal, “un posto clave para o correcto funcionamento da administración local, que permanece sen cubrir desde pouco antes do Nadal debido á baixa da titular”.
O voceiro popular, Roberto Díaz, pregunta á alcaldesa que xestións realizou durante este tempo para dar solución a este problema. “Queremos saber se solicitou colaboración á Deputación de Lugo, a través do servizo de cooperación cos concellos, para cubrir temporalmente este posto e garantir o normal funcionamento do Concello”, sinalou.
Esta falta de previsión e de actuación xa tivo consecuencias directas, como a imposibilidade de celebrar o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro, algo totalmente anómalo e que prexudica á transparencia e o control democrático da acción de goberno.
A esta situación súmase outra igualmente preocupante: a falta de persoal administrativo no Concello.
Roberto Díaz explica que na actualidade existen dúas prazas sen cubrir dende hai meses, o que provoca unha sobrecarga de traballo. As tarefas administrativas están sendo asumidas por un único funcionario administrativo e por outro traballador que está desempeñando funcións que non lle corresponden “o que non é nin xusto nin axeitado desde o punto de vista organizativo e legal”.
Desde o Grupo Popular de Lourenzá consideramos imprescindible que a alcaldesa actúe con responsabilidade, dea explicacións e adopte medidas urxentes para cubrir estes postos fundamentais, garantindo así un funcionamento eficaz do Concello e unha atención adecuada á veciñanza.