Partido Popular de Lugo

Balseiro acusa a Mogo de falta de rigor sobre o investimento na casa cuartel do Valadouro

O senador do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, respondeu con contundencia ás declaracións realizadas polo socialista César Mogo, ás que cualificou de “confusas, pouco rigorosas e profundamente afastadas da realidade” en relación ás obras da casa cuartel do Valadouro.

Balseiro lembrou que foi o propio Goberno de España quen, en resposta a dúas preguntas formuladas polo Partido Popular, falou dun investimento de 190.000€ no proxecto da casa cuartel do Valadouro. “Se agora se di outra cousa, quen está a mentir non é o PP, senón o Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou.

“O único engano aquí é o do Goberno central do PSOE. Resulta evidente que o señor Mogo nin sequera se fala cos seus propios compañeiros de Executivo”, engadiu, ao tempo que destacou que o PP recolleu na súa moción exactamente a cifra trasladada oficialmente polo Goberno. “Nós non inventamos nada, limitámonos a reproducir o que o Goberno nos respondeu por escrito”.

Balseiro foi claro ao sinalar que o Partido Popular defende que se leven a cabo todas as obras necesarias na casa cuartel. “Se fan falta 540.000€, serán necesarios 540.000€. Oxalá sexa así. Pero o que non imos aceptar é que o señor Mogo trate de confundir á cidadanía con política barriobajera e cun discurso propio de quen se entera de pouco”, afirmou.

O senador popular convida a Mogo “a pisar máis o terreo” para coñecer as necesidades reais dos municipios e, sobre todo, “a dicir a verdade”. Neste sentido, lembrou que o PP acreditou documentalmente que as súas afirmacións son certas e están baseadas en respostas oficiais do Goberno.

“Se o Goberno fixera o que ten que facer, non teriamos necesidade de presentar ningunha moción”, explicou Balseiro. 

As respostas oficiais dadas polo Goberno foron, en primeiro lugar, que as obras se fan con cargo á comandancia e, en segundo lugar, cando se lles pregunta polos prazos e polo orzamento, non dar ningunha resposta concreta.

Ante esta situación, o senador confirmou que o PP mantén a moción no Senado: “Agora terá que votala o señor Mogo e moito me temo que a intención do Goberno non sexa facer as obras, senón rizar o rizo e marear a perdiz”, advertiu.

Finalmente, Balseiro asegurou que, “como xa ocorreu noutras ocasións, probablemente será grazas á forza e ás iniciativas do PP como se consigan as melloras que se están a defender para a casa cuartel do Valadouro”.