Lugo, 4 de febreiro de 2026.Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano-denuncian que o Goberno de España mantén dende hai anos sen cubrir as prazas de médicos do Instituto Nacional da Mariña (ISM) na provincia, tal e como recoñece nunha resposta parlamentaria oficial.
Segundo os datos facilitados polo proio Executivo, na provincia de Lugo existen na actualidade catro prazas de médicos do ISM, situadas en Burela e Celeiro, das cales só tres están cubertas neste momento.
A análise da evolución dos últimos setes anos amosa que nunca se cubriron na súa totalidade as prazas existentes. Durante este período, Lugo contou: tres anos con só dous médicos en activo, o que supón ter cuberta unicamente a metade das prazas; e catro anos con tres médicos, quedando unha praza sen cubrir de maneira continuada.
Os senadores populares salientan que esta situación se produce nunha provincia cunha importante actividade pesqueira e con numerosos profesionais do mar que dependen directamente da atención sanitaria do ISM.
Esta falta de persoal médico ten consecuencias directas para os traballadores do mar da Mariña lucense, que en moitas ocasións vense obrigados a desprazarse fóra da provincia para realizar os recoñecementos médicos obrigatorios, chegando incluso a ter que acudir a Asturias ou a Ferrol, debido ás demoras existentes.
“O propio Goberno recoñece cos seus datos que non foi quen de cubrir as catro prazas de médicos do ISM en Lugo en ningún dos últimos sete anos”, sinalan.
Desde o PP de Lugo denuncian a contradición do PSOE, que esixe máis médicos ás administracións nas que non gobernan mentres o Estado non cobra as prazas sanitarias que dependen directamente del, como é o caso do ISM.
“Non se pode esixir aos demais o que un mesmo non cumpre. O Goberno mantén prazas vacantes durante anos nun servizo esencial para os profesionais do mar”, critican os populares.
Os senadores do PP de Lugo esixen ao Goberno que cubra de maneira inmediata a totalidade das prazas de médicos do ISM na provincia e que garanta unha dotación estable e suficiente para atender axeitadamente ao sector marítimo-pesqueiro.