Partido Popular de Lugo

O PP reclama ao Goberno unha nova praza xudicial para o Tribunal de Instancia de Sarria

Sarria, 3 de febreiro de 2026. Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- xunto á voceira de xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo, veñen de rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixida ao Goberno para reclamar a creación dunha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Sarria, ante a importante sobrecarga de traballo que sofre este órgano xudicial.

O 26 de xaneiro de 2026 o ministro de Xustiza anunciou a creación de 500 novas unidades xudiciais en todo o territorio estatal, pero  ningunha destas prazas foi asignada ao Tribunal de Instancia de Sarria. “Pese á elevada carga de traballo que asume este xulgado e pese ao número de veciños da comarca aos que presta atención, no Ministerio non tiveron en conta asignar ningunha nova unidade xudicial a Sarria”, lamentaron.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, que formularon esta iniciativa parlamentaria a instancias do Grupo Municipal Popular de Sarria, cuxa voceira é Carmen José López, cualifican de “inxustificada” esta decisión porque supón un novo prexuízo para os cidadáns e para os profesionais da xustiza, ademais de provocar demoras nos procedementos e un empeoramento da calidade do servizo público xudicial.

As preguntas rexistradas polos senadores populares ao Goberno, para a súa contestación por escrito, son:

  • Ten previsto o Goberno crear unha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Sarria?
  • No caso de que a resposta sexa negativa, que razóns xustifican a non creación desta nova unidade?

Os representantes do PP de Lugo no Senado insisten en que contar cos recursos humanos e materiais necesarios nos xulgados resulta imprescindible para asegurar unha xustiza máis áxil, eficiente e próxima á cidadanía.