Partido Popular de Lugo

O PP reclamará no Senado solucións ao Goberno central ante os problemas de Correos en Trabada

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo  -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- anuncian a presentación de varias preguntas na Cámara Alta para coñecer a situación real do servizo de Correos no municipio de Trabada e as medidas que pensa adoptar o Goberno do Estado para poñer fin ás graves deficiencias que se veñen rexistrando.

Contar cun servizo postal áxil e eficiente é fundamental para garantir entregas rápidas e seguras, facilitar a loxística, reducir os tempos de espera e mellorar tanto a satisfacción da cidadanía como a operatividade das empresas. Esta realidade dista moito de cumprirse en concellos como o de Trabada, onde se multiplican as queixas polo mal funcionamento de Correos.

Os senadores populares advirten de que Correos, empresa pública adscrita ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, acumula no municipio numerosas incidencias, na súa maioría relacionadas coa falta de persoal. Esta situación provocou atrasos no reparto de correspondencia que, nalgúns casos, chegan a prolongarse varios meses, xerando un grave prexuízo para os veciños e veciñas.

Ante esta situación, os representantes do PP de Lugo preguntan ao Goberno que medidas específicas ten previsto adoptar para garantir o bo funcionamento do servizo de Correos en Trabada, por que non se están a cubrir as baixas do persoal que opera nesta localidade e se ten constancia de queixas formais relacionadas con estas deficiencias. De ser así, tamén reclaman explicacións sobre os motivos polos que non se corrixiron as incidencias detectadas.

Desde o Partido Popular esixen ao Goberno de España que actúe con urxencia para asegurar un servizo postal digno e eficiente no rural lucense, evitando que concellos como Trabada sigan sufrindo un abandono que afecta directamente á calidade de vida da súa poboación.