Os concelleiros do PP de Burela recordan que no pleno ordinario de xaneiro aprobouse a conta xeral que, nesta ocasión non só foi presentada tarde, mal e arrastro, senón que foi presentada noutro ano fiscal, totalmente diferente.
Os concelleiros do PP de Burela explican que as contas xerais municipais teñen que presentarse ante ao Consello de Contas de Galicia a mediados de outubro. “Nesta ocasión presentáronse no pleno do Concello de Burela a finais de xaneiro, polo que ata mediados de febreiro non serán remitidas ao Consello de Contas de Galicia, nun novo incumprimento legal por parte da alcaldesa Carmela López”, sinalaron.
Dende o PP de Burela recordan que este incumprimento legal pode ter consecuencias para os veciños de Burela xa que “o Concello de Burela non vai poder acceder ás subvencións da Xunta de Galicia ata que o Consello de Contas de Galicia fiscalice as contas”.
Os populares recordan que Burela é un dos 6 municipios da provincia de Lugo que non presentaron as contas en tempo e forma, a pesar de que no Concello existe un departamento de intervención. “Hai moitos exemplos de concellos na provincia que sen ter departamento de intervención si presentaron en tempo e forma a conta xeral, polo que a alcaldesa é a única responsable desta situación”, sinalaron.
Nesta ocasión, a escusa para presentar tan tarde estas contas foi que polo departamento de intervención pasaron ata seis persoas, “unha situación que denota unha inestabilidade laboral absoluta no Concello de Burela, sen olvidar que a alcaldesa é a responsable da área económica da Deputación de Lugo polo que debería de cumprir escrupulosamente os prazos legais”.
Os concelleiros populares denuncian que “pola mala praxe” da alcaldesa, Burela segue a perder subvencións da Xunta de Galicia, axudas ás que podería acceder perfectamente o Concello de Burela. “Seguen poñendo en risco postos de traballo para os veciños e veciñas de Burela, xa que parte desas subvención son adicadas á contratación laboral”, explicaron.
“Descoñecemos a motivación que leva a isto. Non sabemos se agora a alcaldesa ten na Deputación un peso tan grande que a obrigará a facer estas cousas máis a miúdo. Pero aquí destacamos un novo mérito, de forma sarcástica, para que o PSOE puxera a alcaldesa de Burela á fronte da Deputación de Lugo”, sentenciaron.