Foz, 19 de xaneiro de 2026. O voceiro municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, denuncia un novo fracaso do alcalde, nesta ocasión na xestión da vivenda pública, “un dos problemas máis graves que ten hoxe Foz, cun acceso cada vez máis difícil e prezos disparados, mentres o goberno local non fai absolutamente nada”.
Castiñeira lamenta enterarse polos medios de comunicación de que o solar de Vialmar, situado diante da Casa da Cultura e propiedade do Sareb, foi adquirido por unha empresa privada, perdéndose así unha oportunidade histórica para destinalo a vivenda pública. “É un solar que o alcalde tiña no punto de mira, pero que se lle escapou diante das narices por non facer ningunha xestión”, critica.
O voceiro popular lembra que a corporación municipal xa tiña, desde hai anos, unha planificación clara sobre ese solar e que se lle pediu expresamente ao alcalde que realizase xestións para conseguir a súa cesión gratuíta ao Concello, algo perfectamente viable tratándose dun organismo estatal. “Mentres Pedro Sánchez fala continuamente de promover vivenda pública, o seu Sareb prefire facer caixa, e o alcalde de Foz nin sequera foi capaz de defender os intereses dos veciños”, sinala.
Para o PP resulta incomprensible que Cajoto optase por intentar competir coas empresas privadas do sector, en lugar de liderar unha negociación institucional seria, como fixeron outros concellos que si lograron acordos co Sareb. “O resultado é o de sempre: anuncios, titulares e ningunha realidade”, engade Castiñeira.
Dende o PP de Foz subliñan que este fracaso non é un feito illado, senón a consecuencia directa de anos de inacción. “Segue sen desenvolverse o Plan Xeral, non se desenvolveron as bolsas de solo reservadas para vivenda pública, non se impulsou ningún plan de reforma interior na zona antiga e tampouco se aproveitan as propiedades e vivendas municipais que poderían destinarse a alugueiro social”, enumera o voceiro.
Ademais, lembra que a Xunta de Galicia ofrece axudas de ata 4.000 euros por vivenda para fomentar o alugueiro social, “unha oportunidade que o alcalde tampouco foi capaz de aproveitar”. “Nun tema crucial para o futuro das familias focenses, Cajoto non fixo absolutamente nada”, insiste.
Para Javier Castiñeira, a perda do solar de Vialmar é “un exemplo máis da falta de iniciativa, de xestión e de peso político dun alcalde que prefire o enfrontamento coa Xunta antes que traballar coas administracións para traer solucións reais a Foz”. “Perdeuse unha oportunidade moi grande para o futuro do noso concello, e o responsable ten nome e apelidos: o goberno local socialista de Cajoto”, conclúe o voceiro municipal do PP de Foz