Os concelleiros do Grupo Municipal de Monforte lamentan que, unha vez máis, se confirmen as denuncias realizadas nos últimos meses sobre a falta de concreción, execución e cumprimento dos prazos nos distintos convenios e promesas de investimento anunciadas polo alcalde.
A voceira popular, Katy Varela, recorda que en decembro “dende o PP xa advertimos de novos atrasos e da ausencia de investimentos reais na tan demandada ronda entre a rúa Orense e a N-120” e agora, no pleno do mes de xaneiro, “o goberno de José Tomé volve traer un novo axuste doutro convenio millonario anunciado a bombo e prato, desta vez coa CHMS”.
Concretamente, trátase do convenio entre a CHMS e o Concello de Monforte de Lemos sobre a financiación, execución e entrega das actuacións de restauración ambiental e construción de senda peonil nas marxes dos cauces As Malloadas, A Penela e Zapardiel, colaboración asinada en outubro de 2024.
Este convenio prevía un investimento total de 4.125.000 euros, cunha execución inicial no ano 2025 de 275.000 euros, dos cales 220.000 euros serían achegados pola CHMS e 55.000 euros polo Concello, establecendo como data de finalización das obras o ano 2028.
Katy Varela afirma que “se constata que queren prorrogar a finalización das obras ata 2029 e, ademais, se recoñece que finalmente no ano 2025 a achega da CHMS foi de só 45.840 euros e a do Concello de 11.460 euros”.
No Grupo Popular “entendemos que con estas cantidades apenas se puido redactar o proxecto ou realizar algún estudo previo, é dicir, pequenas actuacións sen avances reais sobre o terreo; ao que nos ten acostumados José Tomé, a anuncios que non se concretan”.