Partido Popular de Lugo

O PP lucense apunta que “Sánchez fixo da vivenda algo imposible en España e o Partido Popular volverá a facela accesible”

Lugo, 16 de xaneiro de 2026.– “A vivenda é un desafío prioritario para o Partido Popular” segundo confirmaron deputados e senadores lucenses aos directivos da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) aos que presentaron as medidas que recolle o Plan Integral de Vivenda dos populares que pretenden “volver facer da vivenda algo accesible, despois de que Sánchez a fixera imposible en España”.

O deputado nacional do PP lucense Jaime De Olano e os senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano mantiveron este venres unha reunión co presidente de APEC Lugo, José Manuel Rodríguez Espiñeira, e membros da asociación na que aproveitaron para analizar a situación do sector da construción na provincia. A inseguridade xurídica, a tardanza na resolución de trámites administrativos ou a falta de man de obra son algunhas das problemáticas aos que se enfrontan.

De Olano asegura que “a vivenda pasou de ser o 16º problema dos españois a converterse no 1º e independizarse é unha misión imposible para os mozos e mozas”. Nese sentido, “o PP fará que volva a ser accesible”.

O deputado lucense asegura que “a política de vivenda do PSOE nestes 7 anos de Goberno de Sánchez apoiado por socios como o BNG limitouse a facer anuncios de construción de centos de miles de vivendas que se quedaron en 0, un vídeo animando a compartir piso, un teléfono de contacto para desafogar a frustración por non ter vivenda e protexer ao okupa ilegal”.

E o Partido Popular propón solucións para “corrixir o que Sánchez fixo mal”. En materia de vivenda, algunhas das medidas propostas son: menos trabas para a construción, mobilización do solo dispoñible, colaboración público-privada, redución de 10 a 4 anos o tempo de construción co Plan Residencial Estratéxico, permitir o uso de remanentes nos Concellos para política de vivenda, baixar o IVE do 10 ao 4% aos mozos que compren vivenda nova e bonificación do IRPF para os mozos e mozas.

O deputado lucense e portavoz adxunto no Congreso cre que “hai que incentivar ao máximo a todas as administracións que axilicen os trámites, poñan solo a disposición e colaboren para atender a demanda de vivenda”. Nese sentido, Alberto Núñez Feijóo xa se marcou como obxectivo cubrir o déficit dun millón de vivendas e propón achegar máis financiamento ás CCAA e maior capacidade de gasto aos Concellos que traballen en materia de vivenda”.

De Olano tamén criticou o “inferno fiscal ao que o Goberno somete aos españois” e defendeu un novo modelo de financiamento autonómico que se decida entre todos. “Sánchez discrimina aos galegos e lucenses co apoio do PSdeG e o consentimento do BNG”, denunciou.

Os populares destacaron o compromiso do Goberno galego coa vivenda pública investindo 350M€ neste ano 2026. En ano e medio xa están en marcha preto de 3.000 vivendas públicas en diferentes fases de execución e no 2026 serán 4.000 en marcha en toda Galicia para cumprir co obxectivo anunciado polo presidente Rueda de duplicar, neste mandato, o parque público de vivenda en Galicia pasando de 4.000 a 8.000.

En Lugo, están en marcha 597 vivendas, construiranse outras 137 nas parcelas permutadas co Concello, está en fase de redacción o proxecto para a construción dun inmoble de aloxamentos temporais e compartidos para menores de 36 anos e porase a disposición solo residencial para outras 1.200 vivendas.

Tamén se está actuar no casco histórico na recuperación do entorno do pazo de Dona Urraca que sumará outras 16 vivendas de promoción pública na Tinería. E seguiranse rehabilitando vivendas a través do programa Rexurbe en Mondoñedo, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.

LEIS FEIJÓO RETIDAS NO CONGRESO

O senador José Manuel Barreiro lembrou que entre as Leis Feijóo aprobadas no Senado e que o PSOE ten retidas no Congreso se atopan dúas relacionadas coa vivenda: a lei antiokupación, que será das primeiras que presentará Fejijóo dende o Goberno, e a lei de medidas para o desenvolvemento urbano e a vivenda.

O portavoz adxunto da Cámara Alta explicou que a lei de vivenda proposta polo Partido Popular inclúe a esixencia a tódalas administracións para emitir informes en prazo, centralizar nas Delegacións do Goberno as xestións dos informes sectoriais -en Galicia, a Xunta xa está a aplicar esta fórmula centralizando os informes sectoriais nun só departamento-, concesión das licenzas administrativas non emitidas en prazo -con algunhas excepcións-, acabar coa intervención no mercado do alugueiro ou coa impunidade da inquiokupación.

Barreiro apuntou, neste sentido, que a okupación e a inquiokupación xeran gran alarma social pola súa incidencia na convivencia veciñal. Así mesmo, advertiu que hai que diferenciar entre familias en situación vulnerable e okupas, pertencentes a grupos organizados. “No primeiro caso hai que axudarlles e no segundo, hai que desaloxar e defender a propiedade privada”, indicou.