Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte esixe actuacións inmediatas para renovar a rede de abastecemento tralo novo colapso sufrido en Noiteboa

Os concelleiros do Grupo Municipal de Monforte defenderán no vindeiro pleno unha iniciativa para instar ao equipo de goberno a executar actuacións concretas e urxentes destinadas á substitución das tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento de auga do Concello.

A voceira popular, Katy Varela, explica que “ante os reiterados problemas” que temos os monfortinos co abastecemento e “tralo grave episodio” do pasado 24 de decembro, día de Noiteboa, “presentamos esta iniciativa para tentar que o alcalde reaccione dunha vez por todas”.

Katy Varela sinala que o día de Noiteboa unha gran parte da poboación quedou sen subministro de auga durante horas, afectando de maneira especialmente grave ao centro da cidade, onde numerosos fogares e negocios permaneceron sen este servizo esencial durante toda a xornada.

“De nada valen os anuncios senón se acompañan de feitos, e os monfortinos levamos moito tempo agardando a ver como se fan realidade os investimentos millonarios dos que presume periodicamente José Tomé, como nestas datas que vén de cumprirse un ano do anunciou dun suposto investimento de 10M€ para renovar por completo a rede de abastecemento, pero que quedou nun anuncio”, lamentou.

“A realidade demostra que aqueles anuncios eran propaganda e non solucións reais para un problema que segue agravándose”, sinala, que denuncia que a rede está en tan mal estado que seguen a producirse avarías, cortes de subministración e prexuízos para veciñanza e comerciantes.

A moción que se debaterá no pleno municipal insta ao equipo de goberno a comprometer investimentos reais e a executar obras concretas antes de que remate o mandato, co obxectivo de renovar as tubaxes da rede de abastecemento e garantir un servizo básico esencial para a cidadanía.

“O abastecemento de auga non pode ser un titular nin unha promesa incumprida. É un dereito básico e unha responsabilidade directa do goberno municipal”, conclúe.