Palas de Rei, 15 de xaneiro de 2026.– Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- rexistraron, a petición do alcalde de Palas, Pablo Taboada, unha moción na Comisión de Industria e Turismo do Senado coa que instan ao Goberno de España a cumprir coa asignación económica comprometida para o proxecto de rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, conforme ao previsto no Plan Nacional de Turismo Xacobeo 2021-2022, que reservaba unha partida de 1.500.000 euros para esta actuación.
Os senadores populares explican que esta iniciativa parlamentaria chega despois de que o Goberno de Sánchez non aclarase por que non se executou unha obra que estaba expresamente incluída no plan estatal, malia existir un proxecto definido e un compromiso económico concreto.
Na súa resposta á pregunta formulada polos senadores do PP, o Executivo limitouse a facer referencia á normativa xeral e diferentes programas vinculados ao Xacobeo, sen explicar por que o proxecto de rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas quedou fóra da execución, nin que ocorreu cos fondos previstos para esta actuación.
“Estamos ante un claro incumprimento: había un proxecto, había unha partida consignada e, tres anos despois, o Goberno non executou a obra nin dá explicacións convincentes”, subliñan os senadores do PP de Lugo, que consideran inaceptable que se trate de pechar este asunto con respostas xenéricas.
O mosteiro de Vilar de Donas é un conxunto patrimonial de gran valor histórico e cultural, situado nunha área de influencia do Camiño de Santiago e que recibe miles de visitantes cada ano. A súa rehabilitación conta ademais co acordo do Bispado de Lugo e co apoio do Concello de Palas de Rei e da veciñanza.
Os populares lembran que esta actuación resulta especialmente necesaria de cara ao Ano Santo Xacobeo 2027, polo que reclaman ao Ministerio de Industria e Turismo que cumpra co compromiso adquirido, desbloquee os fondos e permita executar unha obra estratéxica para a conservación do patrimonio e o desenvolvemento turístico da comarca.