Partido Popular de Lugo

O PP lembra que López Moreno ten implementado en Burela o ‘método Tomé’ con “actitudes déspotas” e teme que a presidencia provincial non supoña “nada positivo” para o municipio

Burela, 14 de xaneiro de 2026. O PP advirte que “a nova presidenta da Deputación de Lugo ten implementado dende a alcaldía de Burela o ‘método Tomé’, con actitudes déspotas e autócratas e, incluso, intentando ocultar información á oposición.

Os populares cren que “é, claramente, a súa alumna avantaxada”. Tomé foi o seu mentor, foi quen a colocou como candidata ás municipais no ano 2023 en Burela “en contra das pretensións do actual tenente de alcaldesa, o señor Fernández Rey, nunha reunión moi polémica do comité local”, segundo lembran.

Así mesmo, temen que “este novo rol non supoña nada positivo para Burela” porque tampouco o supuxo durante este tempo como responsable da área económica da institución provincial. Curiosamente no Concello -onde está ao fronte doutro bipartito- non é capaz de aprobar o principal instrumento económico anualmente. Neste mandato, dende que é alcaldesa, só se aprobaron uns orzamentos municipais”.

Dende o PP local lembran que a alcaldesa “dedica máis tempo a facer oposición á oposición que a gobernar” e subliñan “a súa incapacidade para resolver os problemas de Burela, as constantes irregularidades na xestión administrativa do Concello e os ataques e insultos directos aos representantes da oposición”. Así, pregúntanse “se estes foron os métodos polos que Tomé e o PSOE a designaron como candidata á presidencia da Deputación de Lugo”.

Os concelleiros do Partido Popular lembran que o goberno local prometera solución para o mercado semanal dos venres e as gradas do campo de fútbol da Marosa; pero o mercado reduciuse unha cuarta parte do que foi e non conseguen unha soa empresa que execute as obras no campo de fútbol.

Tamén sinalan outros problemas xerados pola incapacidade de xestión ou pola súa xestión errática da alcaldesa e o bipartito local. Algúns exemplos son: a peor ratio de vehículos por praza de aparcamento público na historia da nosa vila, a maior cantidade de obras rematadas deficientemente da historia do Concello que teñen que volver a ser executadas de novo por claras e graves deficiencias, a suba indiscriminada de taxas e impostos municipais como da auga ou o IBI, uns departamentos municipais claramente mermados como é o caso da Policía Local que non dispón de persoal para cubrir as tres quendas -mañá, tarde e noite- ao longo de todo o ano.

Así, cren que “se trata dun mero cambio de imaxe na Deputación de Lugo” para que “a xestión siga sendo a mesma. E, todo, coa inestimable connivencia do BNG”, conclúen.