Mércores, 14 de xaneiro de 2026. Os deputados do Grupo Provincial Popular valoraron a nova etapa que inicia a Deputación de Lugo, baixo a presidencia de Carmela López, tras un pacto entre PSOE e BNG que “tiveron que negociar e pactar” con José Tomé para poder manterse á fronte do goberno provincial.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, lamenta que esta nova etapa “nace do escándalo, manchada” despois de que a nova presidenta e o vicepresidente lle puxeran prezo ao feminismo e á defensa das mulleres: 500.000€ para esquecer as denuncias de presunto acoso sexual que pesan sobre o ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
“Carmela López converteuse hoxe en nova presidenta da Deputación de Lugo co apoio do PSOE e do BNG, pero tamén co respaldo explícito do ex presidente José Tomé, acusado de presunto acoso sexual, así como da persoa que durante meses encubriu estas condutas, Pilar García Porto”, denunciou.
Neste senso, Ameijide preguntou alto e claro a PSOE e BNG “con que cara van a mirar ás mulleres da provincia, ás compañeiras dos seus partidos, como van a defender o feminismo o próximo 8M tras poñerlle prezo a este movemento e á defensa das vítimas. Para eles, o feminismo vale 500.000€”.
O voceiro popular afirmou que PSOE e BNG “puideron realizar unha limpeza profunda de determinadas condutas nesta Deputación, un tempo novo afastado de comportamentos reprobables e do sectarismo; pero vemos con tristura que escolleron máis do mesmo”.
O BNG SEMPRE NO LADO ERRÓNEO DA HISTORIA, HOXE ELIXE OS CARGOS POR DIANTE DO FEMINISMO
Antonio Ameijide recordou como “o PSOE xa escollera poñerse ao lado do presunto acosador”, ao decidir tapar condutas reprobables por parte do ex presidente da Deputación, pero hoxe “o BNG escolleu bando e, como tantas outras veces, púxose no lado incorrecto”.
O voceiro popular criticou “o silencio dos nacionalistas” durante as últimas semanas, negándose a responder se ían pactar cun presunto acosador sexual e coa persoa que o encubriu durante meses. “Hoxe escoitamos alto e claro a súa resposta: se hai que escoller, van primeiro os sillóns, os coches oficiais e pisar moqueta antes que o feminismo e a defensa das vítimas”.
“Os tres deputados do BNG —Efrén Castro, Iria Castro e Daniel García— certificaron hoxe que o BNG pacta cunha persoa acusada por varias mulleres de presunto acoso sexual”, lamentou.
Antonio Ameijide tamén destacou a ausencia de Ana Pontón na toma de posesión do novo goberno provincial, “que onte mesmo ela avalou”. “Ana Pontón asinou a partida de defunción da coherencia e do feminismo no BNG, pero tivo medo de saír nesa foto polo que decidiu non asistir hoxe á andadura do novo pacto da vergoña entre PSOE e BNG e o deputado non adscrito”, sinalou.
O popular incidiu en que “cando o BNG tivo que escoller entre defender ás mulleres ou conservar os cargos, escolleu poñerse do lado do presunto acosador”.
“PSOE e BNG selaron o pacto da vergoña, un pacto que os vai levar por diante e que os inhabilita moralmente para falar de feminismo, igualdade e dignidade”, sentenciou.