Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria denuncia a “teatralización” e o dobre discurso do BNG: “Efrén Castro mantén a Tomé como presidente na sombra”

Sarria, 14 de xaneiro de 2026. O Partido Popular de Sarria cargou contra o que cualifican como a «gran farsa» do BNG na Deputación de Lugo. Os populares sinalan directamente ao seu veciño e portavoz, Efrén Castro —ata hoxe presidente en funcións—, acusándoo de participar nunha «teatralización de ruptura» cuxo único fin é manter o seu status e soldo, mentres permite que José Tomé siga como «presidente na sombra».

Desde o PP local consideran «un insulto á intelixencia dos veciños de Sarria» a manobra do BNG. «Escenificaron un enfado para a galería, pero a realidade é que Tomé segue movendo os fíos e compartindo bancada e Efrén Castro segue necesitando o seu voto e o de quen o encubriu. É un pacto de silencio vergoñento», afirman fontes populares.

PRIORIDADE: O SILLÓN ANTES QUE A COHERENCIA

O Partido Popular de Sarria é taxativo: «Efrén Castro ten a chave e a capacidade de presión para acabar con esta situación, pero elixe non usala». Segundo os populares, «se o BNG tivese a ética que predica e fose fiel á defensa das vítimas, esixiría taxativamente a acta do aínda deputado provincial».

“A formulación era evidente: ou Tomé entrega a súa acta de deputado ou rompían o bipartito. Non obstante, non o fan, e esta situación deixa claro cal é a súa prioridade e que o seu feminismo é unicamente de cara á galería”, manifestan.

Co seu proceder no pleno de hoxe, “o BNG de Castro deixou en evidencia a súa falta de coherencia e que, en realidade, para eles non había liñas vermellas a pesar da gravidade das acusacións das supostas afectadas sentencian”.

COOPERADOR NECESARIO

Os populares esixen a Castro «que aclare, sen rodeos, se están dispostos a validar leis, orzamentos e mocións apoiándose no voto dunha persoa investigada por acoso e condenada de facto polo seu propio partido». E engaden: «Hoxe Efrén Castro converteuse en cooperador necesario para manter a posición e o poder de Tomé na Deputación, e da súa encubridora, malia as denuncias públicas».