Lugo, 13 de xaneiro de 2026.– Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- veñen de rexistrar, a petición do portavoz de Becerreá, José Fernández Carrete, unha pregunta dirixida ao Goberno de España para reclamar explicacións e, sobre todo, solucións ante o grave deterioro que presenta a estrada nacional N-6a ao seu paso polo municipio de Becerreá.
Trátase dun tramo da estrada que dá acceso aos núcleos de Cruzul, Ousón e Guillén e que resulta fundamental para a mobilidade diaria de numerosos veciños e veciñas, que levan tempo sufrindo as consecuencias dun firme en moi mal estado sen que, polo de agora, chegue ningunha resposta efectiva por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que é o titular da vía.
En concreto, o tramo afectado sitúase entre os puntos quilométricos 464+700 e 467+200, unha zona na que o pavimento presenta buratos e firme desfeito que dificultan a circulación e supoñen un risco para a seguridade viaria.
Os senadores lucenses preguntan ao Goberno que actuacións concretas ten previsto acometer para corrixir as deficiencias do firme neste tramo da N-6a e, especialmente, en que prazos pensa facelo. Consideran inaceptable que unha vía nacional, competencia directa do Estado, presente un nivel de abandono tan evidente.
Os populares advirten do malestar dos veciños porque “este tramo, que é moi transitado, leva moito tempo acumulando baches e desperfectos sen que o Goberno actúe”. Nese sentido, urxen adoptar medidas porque “os veciños e veciñas merecen unha estrada segura”.