O Valadouro, 9 de xaneiro de 2026.– Os senadores do PP lucense presentaron varias preguntas na Cámara Alta para esixir explicacións ao Goberno de Sánchez sobre a situación real da oficina do Valadouro a petición do alcalde do municipio, José Manuel Lamela, ante a fonda preocupación existente pola redución de persoal e o deterioro do servizo postal.
José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano advirten que o mal funcionamento de Correos, empresa pública encargada do servizo postal en España e dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, “está a ser xeneralizado, especialmente nas zonas rurais, onde se están a producir atrasos recorrentes nos repartos pola falta de persoal e a saturación das oficinas”.
No caso concreto do Valadouro e Alfoz, a situación xera malestar porque, actualmente, só dous carteiros atenden todo o servizo postal destes dous municipios lucenses. Durante o pasado mes de decembro, por exemplo, non se cubriron nin as baixas por xubilación nin as baixas temporais do persoal de repartición, o que agravou aínda máis os problemas de funcionamento.
Por todo isto, os representantes lucenses do PP no Senado formularon varias preguntas no Senado para coñecer cantos traballadores dispón Correos nesta oficina, detallando a evolución do persoal desde o ano 2018 ata a actualidade; cantos destes postos están efectivamente cubertos; cantos traballadores se atopan de baixa; cantas destas baixas non están cubertas e os motivos polos que non se procedeu á súa substitución.
O senador mariñán José Manuel Balseiro lembra que, especialmente no rural, “os carteiros desempeñan un papel fundamental como contrapeso á perda doutros servizos básicos, como bancos ou oficinas administrativas. Son moitos os veciños que aproveitan a visita do carteiro para realizar xestións esenciais, como o pago de recibos de auga, luz ou teléfono, o abono de tributos ou mesmo o rexistro de documentación, cartas e paquetería”.
Desde o Partido Popular reclaman ao Goberno de Sánchez que “adopte medidas urxentes para garantir un servizo postal digno e de calidade no rural lucense, evitando que a falta de persoal continúe prexudicando, neste caso, aos veciños do Valadouro e Alfoz”, segundo manifesta Balseiro.