Partido Popular de Lugo

O PP de Pol denuncia que a Lino Rodríguez “non lle importan” os veciños ao manter os orzamentos prorrogados dende 2022

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Pol lamentan que, unha vez iniciado o ano 2026, o Concello segue sen contar cunhas contas municipais actualizadas, xa que se manteñen prorrogadas dende o ano 2022 a pesar de que Lino Rodríguez conta coa maioría absoluta do pleno “polo que podería aprobar uns orzamentos cada ano sen problema”.

A voceira popular, Nicole Grueira, afirma que “a prórroga continuada dos orzamentos é síntoma dun goberno esgotado, sen rumbo e incapaz de asumir as súas responsabilidades, que evidencia a incapacidade absoluta que ten o alcalde para gobernar”.

Grueira destaca que contar con orzamentos cada ano “é fundamental” xa que son a principal ferramenta de xestión para calquera administración pública, o que facilita mellorar a vida dos veciños. Ademais, nas contas municipais se establecen as prioridades de cada administración, amosando a planificación e a folla de ruta a seguir, polo que “cada ano sen novos orzamentos é un ano perdido para o desenvolvemento do Concello, ao deixar pasar numerosas oportunidades”.

A voceira popular lamenta que Pol “siga este ano sen orzamentos actualizados ás novas realidades que van xurdindo no municipio” a pesar de que Lino Rodríguez conta con maioría absoluta no pleno.

Unha situación “atípica” que pode apuntar a dous motivos. Por unha banda, a nula preocupación de Lino Rodríguez por mellorar a vida diaria dos veciños e, por outra banda, a que pode que o alcalde non se vexa capaz de sacar adiante os orzamentos a pesar de contar con maioría absoluta.

“O que está claro é que o goberno de Lino non ten proxecto, nin planificación, nin capacidade para administrar os recursos públicos con responsabilidade, que se evidencia na nula intención que ten de desbloquear asuntos prioritarios para o municipio, como unha nova localización para o PAI”, destacou.

CONSECUENCIAS MOI NEGATIVAS PARA OS VECIÑOS

As consecuencias desta mala xestión económica están á vista de toda a veciñanza: o concello converteuse nun dos máis endebedados da provincia, cunha débeda que se sitúa en torno aos 5M€.

Nicole Grueira é contundente e afirma que “Lino Rodríguez está a hipotecar o futuro de Pol” polo que “o Concello precisa dun cambio profundo da man do PP que devolva a seriedade, a solvencia económica e a confianza da cidadanía”.