Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá critica a “falta de traballo do goberno socialista” que “aínda non presentou o orzamento municipal para o 2026”

Lourenzá, 8 de xaneiro de 2026. O PP de Lourenzá pon como exemplo da “falta de traballo do goberno local socialista” a ausencia de presupostos municipais para o ano 2026. “Xa deberían estar en vigor, pero o goberno socialista nin sequera presentou unha proposta para valorar polo Pleno”, engaden os concelleiros. “Lourenzá é un dos Concellos que máis tardan en presentar as súas contas: as do ano pasado aprobáronse aínda no mes de agosto do propio 2025”, explican.

“Concellos veciños, con gobernos de diversas cores políticas, aprobaban as súas contas para este ano; mentres que en Lourenzá continuamos agardando por un documento que defina as accións de goberno no noso concello para o 2026”, indican. “Con este goberno, Lourenzá está á cola da Mariña e continúa perdendo visibilidade na comarca”.

Os concelleiros do PP advirten que “xa estamos acostumados a que este goberno presente e aprobe os orzamentos tarde, mal e arrastro; pero que sexa costume non quere dicir que sexa o que se agarda dun goberno responsable que traballe polo desenvolvemento do municipio e pola prestación de servizos aos nosos veciños e veciñas”.

Os populares condenan “a falta de xestión do día a día e das cuestións máis básicas coma a limpeza e mantemento dos bens municipais ou a prestación de servizos básicos aos veciños e veciñas” ao que hai que engadir tamén “a falta de planificación económica” para poder facer fronte aos gastos e acometer inversións.

“Descoñecemos os investimentos previstos polo goberno socialista para este ano en Lourenzá; pero, á vista da ausencia de accións impulsadas no último ano e a falta dun proxecto de orzamentos para o 2026, non podemos ser optimistas”, subliñan.

En canto aos gastos aos que ten que facer fronte o Concello no próximo ano, hai que ter en conta a suba dos salarios -tanto dos traballadores como dos membros do goberno- e que o goberno local socialista continúa sen regularizar a situación das traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).