Partido Popular de Lugo

Ameijide: “Ao recoñecer Pilar García Porto que ocultou as denuncias, se ela e Tomé non se apartan, mancharán calquera acordo, a Ana Pontón e ao BNG tamén”

Mércores, 7 de xaneiro de 2026. “Ata que o asunto se fixo público non se puido actuar. Cando se fixo público o señor José Tomé abandonou os cargos orgánicos, abandonou a presidencia da Deputación e está suspendido de militancia no partido socialista”. Estas foron as declaracións de Pilar García Porto no pleno ordinario da Deputación do pasado 30 de decembro de 2025, nas que recoñeceu oficialmente que tiña coñecemento das denuncias por presunto acoso sexual de José Tomé contra varias mulleres e que “non fixeron nada e tentaron tapar o asunto”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que “estas declaracións son motivo máis que suficiente para que nin José Tomé nin Pilar García Porto teñan voz e voto en ningunha decisión da Deputación de Lugo, xa que todos os acordos que se tomen, dende elixir novo presidente ata calquera convenio quedarán machados”.

De feito, Antonio Ameijide afirma que “de non transcender publicamente, José Tomé seguiría na presidencia da Deputación de Lugo, avalado polo PSOE e polo BNG”, unha situación que “pese a renunciar á presidencia do ente provincial, seguirá a manter na sombra, como se demostrou cando o PSOE lle reservou e cedeu a cadeira que historicamente ocupa o voceiro do PSOE na Deputación de Lugo”.

Ademais, en Monforte de Lemos o PSOE segue a avalar a José Tomé xa que “pese a que abandonou a militancia socialista, mantense na alcaldía avalado polos 9 edís socialistas restantes”.

SILENCIO CÓMPLICE DO BNG

O voceiro provincial popular insiste en que tanto Ana Pontón como Efrén Castro teñen que ser claros e dicir se, nunha semana, están dispostos a aceptar o voto dun supostos acosador sexual e da persoa que o sabía todo e o ocultou, simplemente para manterse na vicepresidencia da Deputación de Lugo. “Se non o aclaran antes, nunha semana saberase se Ana Pontón e Efrén Castro están do lado do feminismo e das mulleres ou do lado dos sillóns, os coches oficiais e de pisar moqueta”, sentenciou.